Rodrigo Vázquez, presentador de televisión: «De neno ir á praia era unha lotaría»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O seu recuncho. Rodrigo Vázquez agradece as temperaturas da Coruña, moito máis sinxelas de levar cas do seu Ourense natal. Un dos seus lugares preferidos é o paseo marítimo, paseando pola area das praias de Riazor e Orzán, gozando do tempo de lecer que lle permite o traballo
O seu recuncho. Rodrigo Vázquez agradece as temperaturas da Coruña, moito máis sinxelas de levar cas do seu Ourense natal. Un dos seus lugares preferidos é o paseo marítimo, paseando pola area das praias de Riazor e Orzán, gozando do tempo de lecer que lle permite o traballo CESAR QUIAN

O presentador ourensán alterna este verán as gravacións do «Atrápame se podes» da edición de fin de semana de «Saber y ganar» co tempo tamén para o descanso

10 ago 2026 . Actualizado a las 18:12 h.

Rodrigo Vázquez, (Ourense, 1987) recoñece que os veráns na súa profesión dependen da carga de traballo. Estas semanas alterna as gravacións do Atrápame se podes, o programa producido por Voz Audiovisual que emite a Televisión de Galicia, coas da versión de fin de semana de Saber y ganar, de La 2. «A verdade que traballar no que lle gusta a un, coma quen di, tampouco é traballo. Entrar nun plató, pasalo ben, aprender e repartir cartos lévase moi ben a verdade», di sorrindo.

—Sendo de Ourense, como está a levar a calor destes meses?

—Pois mira, a Coruña estase convertendo nun refuxio climático, que son estes conceptos que se inventan en Madrid para estar un pouco á sombra. Pero si, este verán está apertando bastante, as veces que fun a Ourense a verdade é que... ¡coidado!, chorreando bastante. Eu son de temperaturas intermedias, todo o que pase xa de 30 graos xa me parece moito calor para todo o que non sexa ir á praia. Entón o clima que ten A Coruña no verán paréceme ideal.

—Que facía cando era neno para escapar das altas temperaturas?

—Pois íamos, coma moitos adolescentes da miña época, en bicicleta ás piscinas. E o día que non ías á piscina tampouco saías da casa moito antes das seis ou sete da tarde.

—Era de botar unha sesta ou de seguir o Tour?

—Como dicimos en moitos concursos, ambas son correctas, porque a verdade é que o Tour é unha fantástica compaña posta, para ver un pouco o principio da etapa cando está a cousa máis calmada e logo ata puña o espertador, dicía: «Non vai a ser que me perda o último porto de montaña, a ver se me vou quedar durmido».

—Cal era a súa praia de referencia na súa infancia?

—A da Lanzada. Ir a praia cando era neno máis ca un acontecemento... para min era un pouco a lotaría. Sempre ía uns días á costa cos meus pais e coa miña irmá. Co verán que está facendo hoxe pois igual a xente non o entende, pero entón no planificabas, ti dabas por feito que había anos nos que, se ías dez días, podía ser que non fixera nin un día bo tempo para ir á praia. Se rascabas oito días de praia xa estabas contento. Había anos malos que só ías catro á praia, e outros seis había que facer outras cousas. Por iso os meus pais xa tiñan a plans turísticos alternativos. Pero cambiou moito o tempo en vinte anos.

«Pechei moitos veráns na Guadalupe de Rianxo, unha festa incrible cunha xente moi divertida»

—Ten un recuncho favorito no verán?

—Uf, é que teño moitos. Galicia é moi grande e moi diversa, hai moitas festas, moitos lugares moi fermosos para gozar. Agora mesmo, como o principal para min é escapar do calor, pois a verdade que elixiría A Coruña: pasear pola praia de Riazor e do Orzán.. senta moi ben. Pero tamén pechei moitos veráns na Festa da Guadalupe en Rianxo, que me parece unha festa incrible, unha xente moi divertida. Pero.. será por eventos en Galicia para pasar no verán! Temos miles de verbenas, miles de festas gastronómicas. O mes de agosto é unha gozada. É o mes no que menos me gusta saír de Galicia a verdade, porque é que temos de todo. Eu creo que onde tires unha pedra en Galicia tes un bo sitio para pasar uns días a verdade.

—Cal é o seu plan perfecto?

—Un plan perfecto para min é levantarme non moi cedo, que non faga demasiado calor, e poder compartilo comendo ou brindando con amigos, con familia e con boa xente. Dá igual que estes no río e vaias ás troitas, que vaias ao mar ou a unha verbena. O importante é estar ben e coa xente con quen compartimos a experiencia.