Satélite Lume-1, o Festival de Poesía do Condado e a serie Fariña, Premios da Crítica de Galicia

VIGO

Oscar Vázquez

Os galardóns foron entregados na Sede Afundación de Vigo

06 dic 2019 . Actualizado a las 22:38 h.

Moncha Fuentes, Satélite Lume-1, o Festival de Poesía do Condado, Xan Carballal, Soledad Penalta, Rut Balbís, Lucía Freitas e a serie Fariña obtiveron os Premios da Crítica de Galicia 2019 nunha cerimonia desenvolvida na Sede Afundación de Vigo. A cuadraxésima segunda edición dos galardóns convocouse baixo o lema «Teñamos o valor de darnos o futuro». Ao acto de entrega de premios asistiron trescentas persoas representativas de diversos ámbitos de Galicia, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero; Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; e Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, entre outras persoas. Estes premios abranguen distintos ámbitos da vida galega, e cada un deles é decidido por un xurado conformado por especialistas nas materias.

O premio de creación literaria recaeu no libro O mar que nos leva, de Moncha Fuentes por «a fidelidade á ruptura e á vangarda dunha xeración e a un estilo persoal e senlleiro», segundo expresou o xurado.

O proxecto Satélite Lume-1, do equipo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións, da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Enxeñaría Informática (campus Ourense) da Universidade de Vigo, liderado por Fernando Aguado Agelet, obtivo o premio de investigación por «supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico».

A distinción á iniciativa cultural e científica do ano 2019 foi para o Festival de Poesía do Condado, de Salvaterra de Miño, polo traballo cultural de base que se desenvolve desde o asociacionismo. O xurado do premio musical salientou de Xan Carballal a súa traxectoria e o seu «traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de rapaces do rural galego puidesen acceder a unha educación musical e cultural».

O premio das artes plástica foille entregado a Soledad Penalta pola súa «constante renovación iconográfica e conceptual». A bailarina e coreógrafa Rut Balbí gañou o premio das artes escénicas «polo seu constante labor para dignificar e visibilizar a danza en Galicia».

O xurado do premio de cine e artes audiovisuais sinalou a serie de televisión Fariña por «apostar por unha historia e uns equipos galegos que lograron situar a Galicia no mapa audiovisual». Finalmente, o premio de cultura gastronómica foi para Lucía Freitas, do restaurante A Tafona, por «a súa capacidade para interpretar a cultura gastronómica galega cunha extraordinaria ética e coherencia.»

Nós, os galegos

Bieito Ledo, presidente da Asociación Premios da Crítica Galicia, no seu discurso apelou ao futuro: «O século XXI está sendo unha época de esplendor na nosa historia. Galicia dedicouse a observar, crear, recoller, xuntar e soñar para que chegase un estourido de grandeza e harmonía en todos os ámbitos da nosa cultura. Os galegos sábense fillos dun paraíso e capaces de definírense cunha soa palabra: Nós».