Vigo renova a exposición permanente de Francisco Fernández del Riego 

VIGO

Oscar Vázquez

A Casa Galega da Cultura mostra unha aproximación a vida e obra do intelectual

06 jun 2024 . Actualizado a las 01:10 h.

«Que fun un home consecuente; que nunca traizoei os meus principios e ideais; e que sempre mantiven unha postura de ética máis estrita». Este parágrafo, que resume como quería ser lembrado Francisco Fernández del Riego, recibe aos visitantes no novo espazo acondiciona polo Concello de Vigo na Casa Galega da Cultura para divulgar permanentemente a figura do gran intelectual galeguista nado en Vilanova de Lourenzá, en 1913, e finado en Vigo no ano 2010.

Nunha ampla sala, situada no primeiro andar da Casa Galega da Cultura, se presenta un percorrido pola vida e obra de Francisco Fernández del Riego. O discurso expositivo, comisariado por Bea Liz de Cea, alterna paneis, nos que se informa dos diferenes aspectos vitais e de desenvolvemento intelectual e político de don Paco, con numerosos cadros e esculturas do máis importante da arte galega do século XX xunto con obxectos persoais de don Paco.

Todas as pezas, agás unha, pertencen a colección artística que Fernández del Riego doou ao Concello de Vigo. «É un museo novo», subliñou Beatriz Lis para explicar que o espazo foi remodelado completamente, paredes incluídas. «O discurso expositivo unifica a súa biografía», resumiu a comisaria.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, resaltou a entidade «excepcional» de Francisco Fernández del Riego. «Canto máis afondamos no estudo da súa traxectoria, máis aspectos importantes atopamos. A súa capacidade intelectual era a súa vida», sentenciou Abel Caballero.

A parte pictórica da exposición encadea obras do máis importante dos renovadores da arte galega. Aí están Laxeiro, Seoane, Díaz Pardo, Muinguillón ou Colmeiro. Tamén hai pezas escultóricas de Faílde Gago ou unha carauta feita por Castelao para súa obra teatral Os vellos non deben namorarse.

No relato vital da exposición atópanse fitos fundamentais na obra do insigne galeguista, como o recordo do seu primeiro discurso público. Foi o 25 de xullo de 1931, no balcón con Concello de Vilanova de Lourenzá, o seu pobo. Alí, don Paco rematou a súa alocución pública cun Viva Galicia ceibe. Tamén se recorda cando chegou a Vigo para «reconstruír unha vida» e se amosa a súa vella máquina de escribir Underwood.

Varias fotografías, que destacan momentos importantes da súa vida, sitúanse xunto a obxectos persoais, como as cartas de identidade do seu paso polas facultades de Dereito e Filosofía e Letras, ou o seu carné do Partido Galeguista, datado no 1 de xaneiro de 1932. O percorrido complétase cun audiovisual no que se pode escoita e ver ao propio personaxe.

A Casa Galega da Cultura xa contaba cunha sala dedicada a Del Riego, pero non tiña as condicións adecuadas para incorporar pezar artísticas como agora presenta.