O técnico debuta mañá na dirección do recén ascendido Alacante recibindo a un Cangas que define como «un equipo de moito ritmo sempre competitivo»
06 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Roi Sánchez (Vigo, 1984) cumpre o seu obxectivo de converterse en adestrador da Liga Asobal de balonmán. Logo do seu paso por Barcelona, Stuttgart, Hannover e Burgos, recibiu a chamada do Alacante, un recén ascendido que loita pola salvación. Roi debutará mañá medíndose ao Cangas con outro adestrador galego enfronte, Quique Domínguez. Non esconde que é un partido marcado en vermello na loita pola salvación.
—Como se fraguou a súa chegada a Alacante?
—A final da tempada pasada, cando rematei en Burgos, decidimos as dúas partes non continuar. Estiven formándome un pouco máis, agardando unha oportunidade. Tiña moitas ganas de adestrar na Liga Asobal porque aínda que traballei na Bundesliga e no Barcelona no primeiro equipo como axudante de Pasqui, como primeiro adestrador non tivera a oportunidade de traballar en Asobal.
—Pensouno dúas veces antes de asinar por un recén ascendido con problemas clasificatorios?
—É un reto grande. A Asobal é unha liga tremendamente igualada e coller a un recen ascendido é un reto importante, pero penso que o plantel ten calidade para sacar a situación adiante e confío en que poidamos sacar pronto bos resultados.
—E, para empezar, un duelo ante un rival directo como o Cangas.
—É un partido especial ao ser un club galego e ser o meu primeiro co Alacante.
—Que destacaría vostede do Balonmán Cangas?
—É un equipo que xoga con moito ritmo, que ten unha defensa moi agresiva. É un equipo moi ben traballado por Quique na faceta ofensiva como todos os seus equipos, con moita continuidade. Pero penso que se nota que é un equipo novo, con moitas incorporacións, e necesitan un pouco máis de tempo para ensamblarse, pero xa estamos vendo unha boa versión do Balonmán Cangas, que sempre é un equipo que compite moi ben en todos os partidos.
—É un supervivente nato.
—Tal cal. A xente sempre fala da maxia do Gatañal, e é certo, pero o Cangas tamén compite moi ben fóra da casa.
—Que destacaría como puntos fortes do seu equipo?
—Temos xogadores con experiencia malia a ser un recén ascendido, xente que xa xogara na Asobal e creo que contamos cunha boa mestura entre xogadores novos que debutan na categoría pero estiveron nas categorías inferiores da selección e tamén xente con experiencia. Temos tamén xente grande que pode defender no central. Temos un plantel bastante longo para facer boas rotacións.
—Cal é tipo de balonmán que lle gusta a Roi Sánchez?
—O que me permita gañar.
—Pero dentro diso, terá unha predilección.
—Si, pero ás veces non o podes implementar nos equipos se non tes xente para poder facelo. Gústame un balonmán rápido, dinámico, con defensas agresivas.
—É a primeira vez que se enfronta a un técnico galego?
—Non, contra Quique xa xogamos cando eu estaba no Barça B e el no Novás, en Prata. E contra Ibiza cando estaba Geno Tilves.
—Barcelona, Alemaña, Burgos e, agora, Alacante. Como resumiría a súa traxectoria no mundo do balonmán?
—Moito cambio e moitas experiencias. Teño ganas de atopar un proxecto que me dea estabilidade, tamén á familia, e que non teñamos que andar de aquí para alá. Teño 41 anos, pero penso que teño moita experiencia en moitas ligas e situacións, aínda que esta é a primeira vez que collo un equipo a metade de tempada e a para min iso é un reto: nova liga e nova circunstancias. O balonmán e adestrar son a miña paixón e penso que esta oportunidade é un paso en certo modo lóxico na miña carreira de técnico.
—Asinou ata o 2028; iso, de entrada, é un aval.
—Si, con algunhas cláusulas a nivel de manter a categoría, pero nisto do deporte todo depende de que as cousas vaian ben.