«O disco é unha testemuña da escasa poesía de Casares»

La Voz

MOAÑA

O grupo Xardín Desordenado acomete no seu terceiro disco a obra do autor ourensán

03 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xardín Desordenado celebra o ano que a Real Academia Galega dedica a Carlos Casares coa gravación dun disco no que traballan coa súa obra. Isaac Garabatos é un dos integrantes da formación viguesa que pon música á poesía galega.

-¿Por qué elixiron a obra de Casares como tema para este terceiro disco?

-O impulso si que vén pola dedicatoria do Día das Letras Galegas, pero ao mergullarnos na súa obra descubrimos moitas cousas que non sabiamos del. Casares agora xa é parte do noso repertorio, como no seu momento pasou con Rosalía.

-Pero daquela non foron traballos discográficos.

-Non, cando fixemos o monográfico de Manuel María, do que quedamos moi contentos nos directos, quedounos a mágoa de non deixar unha testemuña dese traballo. Foi unha das razóns que nos levou agora a gravar este disco. Foi autoproducido cunha pequena axuda da Xunta.

-¿Hai algunha diferenza destacable cos outros traballos?

-Si, nos anteriores traballos musicábamos poesía, pero na literatura de Casares hai máis relato que poesía; hai pouca e complicada de atopar, de feito, quedou coma unha testemuña gráfica do máis sinxelo de ter porque son poemas que foron publicados en revistas de fóra.

-¿Foi complicado traballar con relatos e contos?

-É verdade que hai un par de poemas, pero o resto son relatos ou contos. Aí, o Ferragud fixo un traballo moi fino ao levar eses relatos aos tres minutos que duran as cancións e sen alterar a fidelidade do mesmo. Ao principio parecía que era algo que ía en contra, pero cando estabamos musicando tornouse a favor porque tes unha estrutura narrativa que ao mellor non ten unha poesía; é máis favorable para quen escoita.

-Tras varios anos. ¿Xardín Desordenado acadou un selo característico?

-Si, ten un ambiente sonoro concreto e unha estética determinada. Queremos conseguir iso que pasa nas xuntazas de amigos, cando un saca a guitarra, aínda que con músicos de calidade. Non é unha música feita de xeito pretencioso, se non que só pretende axudar a contar historias ou poemas.

-¿Está estabilizada a formación?

-Cando comezamos estaba Blas Segura ao baixo, pero el é canario e terminou por voltar a súa terra. Polo demáis están Lorenzo Boo, Santiago Ferragud, Marlene Rodrigues, David Outumuro e máis eu.

-¿Os concertos actuais están centrados en Casares ou hai un repaso?

-Ate o de agora se fixo moito Casares. Claro que tamén coincidiu coa celebración do Día das Letras, pero agora xa ampliamos o repertorio con outras miras. O día 10 deste mes estaremos, en formato de trío, en Moaña.

-¿Mantén os outros proxectos paralelos que tiña?

-Nesta vida de músico hai que danzar en vinte mil cousas, non só por necesidade senón tamén polo galdrumeiro que é un cos proxectos apetecibles. De feito, agora para finais do verán sacaremos con Yolanda Castaño; con Isga Collective estamos agota tamén dando concertos. Non se para.