Santo Olaf, azoute de cristiáns

Francisco Ant.Vidal LINGUA PROLETARIA

TUI

Bernardo Codesido

24 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei de ningunha imaxe de santo Olaf en terras de Tui, porque este santo, a quen o calendario cristián celebra o 29 de xullo, non ten moi boa prensa entre os tudenses.

Coma todos os nórdicos tiña a mala fama de andar arrasando aldeas e cidades investido na condición de viquingo, que viría a ser como pirata na terminoloxía que acabou impoñéndose para definir a aqueles homes e mulleres procedentes dos fiordes, botados á ventura do mar na procura de novos lugares de asentamento, terras máis cálidas e doadas de traballar a troco de prestar servizos espada en man no conflitivo mundo que lles tocaba vivir, pero cando a fame apertaba tamén asaltaban a quen fose e onde fose amparándose nas imaxinadas mensaxes dos seus deuses contra todo aquel que non rezase coma eles. E nisto non eran distintos dos cruzados ou dos sarracenos. E Olaf, quen en vida non foi ningún santo, prestaba a súa man de obra, espada en alto, a quen a solicitase a troco de fincas para xubilar ós seus feridos de guerra, anciáns ou viúvas con orfos, e algún que outro botín para comerciar nas feiras.

Así nolo narran as sagas nórdicas, tan cargadas de fantasía como as haxiografías cristiás, falándonos de grandes heroes, conquistadores astutos e valentes homes e mulleres agraciados polos seus deuses, que en máis dunha ocasión baixaban á terra para loitar man con man cos seus protexidos, abríndolles camiños incribles entre a néboa ou soprando nas velas dos seus barcos para levalos a bo porto. E un deses grandes heroes era Olaf Haraldsson, a quen o mesmo Odín sacou da trampa dun fiorde atascado con pedras para obrigalo a encallar, pero o seu deus, facendo subir a marea como o deus bíblico fixera contra os exipcios que perseguían ós hebreos, habilitoulles un paso franco.

Nesa ansia de conquista e procura do benestar aseguran que foi el quen chegou a Tui, púxolle sitio á cidade, arrasou todo e secuestrou ó mesmo bispo, polo que Tui perdeu a súa condición de cidade episcopal e pasou a depender durante varios anos de Compostela.

Pero a vida dá moitas voltas, e Olaf sabía adaptarse ás necesidades, polo que, no cada día máis amplo reino baixo o seu cetro, buscou o apoio dos sacerdotes cristiáns para organizar o territorio, con esas divisións episcopais e parroquiais que vira nas súas andainas polo mundo adiante, e pediu o bautizo para el e os seus.

Daquela as famosas sagas xa non falan só de conquistas senón tamén de amparo da divindade cristiá, e así contan como en certa ocasión que o home tiña sede, deus permitiu que a auga que lle ofreceron se convertese en cervexa, para non ser menos ca aquel Xesús das vodas de Canaan ou que no intre de morrer, como un novo fillo do deus cristián, a terra tremese e o sol se eclipsase momentaneamente. Diante de tales prodixios ninguén podía dubidar de que aquel azoute de cristiáns era agora unha das poucas persoas que sentaban á destra de Deus-Pai.

Pero en Tui non se esqueceron da que lles fixo e santo Olaf segue sen ter boa prensa, nin alí nin en tampouco en Catoira, onde uns días despois da súa onomástica rememoran algunha batalla de incerto resultado para espantar o malfadado.