O Ateneo Atlántico explora a figura de Méndez Ferrín

La Voz

VIGO CIUDAD

Santi M. Amil

Ata o 18 de outubro desenvolverá catro mesas redondas dedicadas a distintas facetas do autor

20 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo co oitenta aniversario do nacemento de Xosé Luis Méndez Ferrín, o Ateneo Atlántico inicia hoxe un ciclo de catro xornadas para abordar a poliédrica figura do escritor nado en Ourense e residente en Vigo dende 1955.

«O Ferrín político, escritor, ensaísta ou historiador, nútrese de dúas fontes principais: por unha banda o galeguismo político que, desde a resistencia, continuaba de xeito calado e clandestino o labor iniciado polos mestres da Xeración Nós. Por outra, unha certa filosofía que, partindo do existencialismo, desemboca no compromiso e no marxismo.

Podemos afirmar, sen medo a errar no noso vaticinio, que Ferrín é unha das figuras máis importantes de cantas teña dado Galicia ao longo de todo o século XX», sinalan dende o foro organizador do ciclo. Engaden que isto non só é pola dimensión da súa obra literaria senón, tamén, «pola importancia das súas actividades como cidadán, como animador de propostas culturais e políticas que deron orixe a unha parte fundamental da Galicia que hoxe coñecemos».

Recordan que sindicatos, revistas, grupos de poesía, partidos políticos, editoriais, movementos literarios e críticos, grupos musicais e de teatro,

«teñen o seu punto de partida nas propostas ferrinianas e no seu proxecto, mantido ao longo de toda unha vida, de traballar por unha Galicia cada vez máis dona de si e, tamén, máis universal». Unha

Galicia concibida como centro do mundo, rexeitando o papel subalterno e de mera periferia.

«Desde o Ateneo Atlántico cremos que é o momento de rederlle unha homenaxe cidadá a esta figura imprescindible, unha homenaxe na que, alén de opinións e criterios diversos, teña un peso específico a historia, o recoñecemento ao seu labor inestimable durante décadas, como docente, como escritor, como intelectual, como animador cultural, como espírito subxacente a unha parte ben considerable do que esta cidade ten significado no ámbito da cultura ao longo do último medio século», explican dende o foro cidadán.

A primeira mesa, que xirará sobre o xornalismo, desenvolverá hoxe na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2) entre as 19.30 e as 21.30 horas. Os participantes neste encontro van ser Rosa López Fernández, Xosé Luís Axeitos Agrelo, Gustavo Luca de Tena, Xosé Ramón Pena e Xosé Manuel Salgado.