Vigo, de festa

Eduardo Rolland
Eduardo Rolland LA BUJÍA

VIGO CIUDAD

17 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

ODía das Letras Galegas é tamén un día moi vigués. Porque nunha data como a de hoxe se publicaba en Vigo Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, no que foi o abrente do Rexurdimento. Na rúa Real, no corazón do Casco Vello, o impresor Juan Compañel levou ao prelo o poemario fundacional da reconquista do galego, que recuperaba o seu pasado esplendor de lingua culta.

Moitas veces lembramos que Vigo é a capital editorial de Galicia. Aquí están Xerais, Galaxia ou Ir Indo. Pero tamén aquí fixo Compañel historia para a nosa lingua, con Cantares e tamén a través do periódico La Oliva, onde Manuel Murguía exercía como director literario, dando a coñecer a grandes autores da súa época como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre ou Alfredo Brañas.

Recentemente, unha investigación descubriu que está trabucada a placa que sinala o portal da imprenta Compañel. A situación do obradoiro era outra, na mesma rúa. Seica sexa un exemplo do moito que sempre lle costou á nosa cidade sacar peito da súa historia. Antes de Cantares, Compañel xa imprimira outra obra de Rosalía, La hija del mar, editada en castelán pero que no seu prólogo é pioneira do feminismo, ao denunciar a autora os problemas que atopou para publicar sendo muller.

Por se non fora dabondo, en Vigo propuxo a comezos dos 70 o polígrafo Fernández del Riego a celebración do Día das Letras Galegas. Que hoxe vivimos como grande festa civil de Galicia.