Antía Cal fronte á incerteza

VIGO CIUDAD

Marcos Canosa

14 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que o verán vai esmorecendo moitas familias están a pensar na volta á escola, especialmente neste curso que se presenta cheo de incertezas. Releo, fronte á inquedanza, a biografía Este camiño que fixemos xuntos (Ed. Galaxia), de Antía Cal, porque ela foi unha mestra renovadora que soubo implantar unha escola diferente nos difíciles anos sesenta. Dende o seu maxisterio e dirección da Escola Rosalía de Castro, que fundara en 1961 en Vigo, foi quen de crear un espazo onde facer medrar o alumnado como persoas, coas súas particularidades e os seus ritmos de aprendizaxe.

Antía Cal, Tita, despois de finalizar Maxisterio e Filosofía e Letras, pensaba que non estaba preparada para impartir docencia, polo que seguiu estudando e formándose. Será nas súas viaxes por Europa co seu home, Antón Beiras, galeguista e recoñecido oftalmólogo inventor do Vigoscopio (aparello para corrixir o estrabismo), onde Cal coñecerá as correntes educativas en voga que a animarán finalmente a exercer.

Dende que era pequena sabía que quería traballar. Nacera na Habana, a onde a familia emigrara na busca dun futuro mellor, e alí pasara os primeiros nove anos de vida. De volta á aldea familiar, recoñecía todo o que nunca vira porque seu pai nos seráns faláballes de Muras, da paisaxe, das xentes..., pero non lle contara que as mulleres do rural galego traballaban arreo sen gañar un xornal. Decidiu daquela que quería estudar e ser independente, polo que convenceu a seu pai para ir á universidade.

Coa mesma decisión, anos máis tarde, puxo en marcha a pioneira Escola Rosalía de Castro, onde se podía atuar o profesorado, aprendíase inglés dende a etapa infantil e mesmo había clases en galego. Unha escola laica e mixta que contaba cun horto con parra para estar en contacto coa natureza e na que se lía cada mañá o xornal nas aulas que tiñan os nomes de: Concepción Arenal, Castelao ou Bóveda. Un centro progresista e galeguista onde a festa principal era o Día das Letras Galegas e se facían saídas didácticas a Sada para visitar, da man de Isaac Díaz Pardo, a fábrica do Castro e o Museo Carlos Maside.

A lectura da biografía de Antía Cal, tamén o marabilloso documental A palabra xusta, descúbrenos unha singradura marcada polo amor á infancia e á educación, mais tamén un exemplo de quen soubo sementar futuro.