Dinamiteiros da xeografía

DIEGO AMEIXEIRAS

VIGO CIUDAD

cedida

11 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un revolucionario imprevisto nese viaxeiro que se achega á Oficina de Turismo de Santiago para preguntar onde debe coller o catamarán a Vigo, se no Porto da Quintana ou no de Bonaval. Un espírito de desarticulador de mapas, un sublime distraído, un férreo opositor contra toda ditadura xeográfica. Os empregados que atenden os turistas adoitan referir anécdotas deste tipo cada verán, provocando que a todos nos dea a risa con lendas psicodélicas de señores intrépidos que buscan pallozas en Ribadeo ou acantilados en Allariz. Os encargados de rotular as imaxes dos informativos madrileños, en ocasións, son parentes destes grandes subversivos: un reporteiro anuncia a chegada do anticiclón dende a coruñesa praia de Samil e outro nos anima a visitar o manancial pontevedrés das Burgas. Hai xente que reacciona con indignación localista a estas confusións, ofendidos coma se dende un despacho de San Sebastián de los Reyes quixesen extirparlle a patria sen anestesia; algúns achácano ás consecuencias do fracaso educativo e outros, os máis realistas, a que ninguén está libre de andar con présas e meter a zoca no seu traballo. Sempre cómpre relativizar. A min, que nacín en Lausana, unha cidade suíza, preséntaronme unha vez como natural de Lousame, e non só non lle corrixín o erro ao compañeiro, senón que dende aquela non descarto a posibilidade de pedir a nacionalidade lousamá. Hai algo tenro no disparate xeográfico. Unha burla inofensiva, unha fermosa corrección da realidade pola vía do despiste.

O artista carballiñés Xesús Carballido ideou un país galego con Vigo e A Coruña bañadas polo Mediterráneo, Ourense próximo a Aragón e O Barco de Valdeorras a escasos quilómetros de Andorra. O mapa desa Galicia incrustada en Cataluña levaba tempo vivindo na discreción dun bar compostelán ata que alguén o colgou nunha rede social e se sucederon todo tipo de comentarios, dende os que creron que se trataba dunha calamidade cartográfica (a cultura da cancelación non entende a ironía), ata os que os non tardaron en sacarlle punta coas inevitables chanzas políticas. Mondoñedo preto da fronteira francesa, Porriño en Tarragona. Está ben iso de dislocar os mapas e practicar unha patafísica que o desubique todo, teimar no excéntrico para ver se así descubrimos unha verdade oculta, algunha certeza a estrear. Bañarse en Samil, por exemplo, pensando que nas illas Cíes se ergue a Torre de Hércules, ou pasear por Pontevedra á caza dunha ponte romana sobre o Miño. En Cartografías da narrativa galega contemporánea (Galaxia), o profesor Xaquín Núñez Sabarís explora a nosa literatura última viaxando polo thriller xacobeo, o policial vigués e a narcoficción localizada nas Rías Baixas. Imaxina planos movedizos, establece conexións literarias, abre camiños polo imaxinario do delicto. Ao Leo Caldas do gran Domingo Villar sempre o entendemos tomando un godello no Eligio, esa taberna viguesa que tanto lle prestaría aos colegas Montalbano e Carvalho, un siciliano e un barcelonés, inimigos dos mapas ao uso. Libros, amigos, bares: queridos dinamiteiros da xeografía.