Vigo, cultura vertical

Isaac Pérez Vicente ARTISTA

VIGO CIUDAD

A Concellería de Cultura baleirou de contido o padroado do Museo de Arte Contemporánea de Vigo

30 mar 2021 . Actualizado a las 12:58 h.

Unha novidade. O concelleiro de Cultura, Emprego e Participación Cidadá (elocuente combinación) responde a «o clientelismo como unha das Belas Artes», carta colectiva que recén publicamos. Entendo que responde en nome da Concellalía, e do Marco tamén, pois é o vicepresidente do Padroado.

Uns cidadáns xúntanse para publicar un texto en prensa expresando o seu punto de vista e opinións sobre asuntos de claro interese público. Pero para o señor Losada non están lexitimados, así que súa opinión non é lexítima. Quixera saber cal pode ser o procedemento que lexitime a nosa crítica, correcta, pública e asinada. Digo eu que non será necesario que nos constituamos en partido político, ou nunha Academia; o primeiro, defensor de principios que xeralmente non cumplen cando toca gobernar, e a segunda, depositaria da esencia das belas artes que volve polos seus foros e reclama privilexios.

Quizais por a proximidade da Academia, seu argumentario contáxiase dunha retórica decimonónica. Pois en efecto, o dos «pazos e cenáculos literarios» cheira a século XIX.

Así mesmo, eses «pazos e cenáculos literarios» en certas cidades da xeografia galega conspirando contra Vigo, non deixa de ser o clásico recurso populista que sinala aos responsables dos males da cidade noutros lugares.

A política cultural a definen e redefinen verticalmente dende os despachos os partidos que gobernan as cidades e a comunidade autónoma. Ven sendo a mesma desde fai 40 anos, alguns de nós, ladróns pouco orixinais, denominámola «politica cultural de homologación». Lóxicamente, criticámola, pois aféctanos, interésanos, e facémolo por dignidade.

Quedou claro o proceso sufrido polo museo desde a dimisión do anterior director ata o exemplar concurso. Visto o adianto expositivo, pódese apostar por un futuro rosario de exposicións académicas ou de académicos, ou ben de outras e outros chamados a selo, ao mellor pola súa coraxe vangardista.

Sen acritude, señor Losada, descoñecen o proceso de constitución do museo, e aínda que o coñeceran sería o mesmo. Non tiveron en conta a súa configuración xurídica como fundación de interese público galego, que se considerou a mellor solución para garantir a autonomía do museo e evitar inxerencias políticas. Esto sucedeu en tempos da fundación do museo por iniciativa da Asociación Galega de Artistas Visuais en conformidade co concelleiro de Cultura Carlos Príncipe.

Así, baleiraron de contido o padroado do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, non desenvolvido con suficiencia desde a súa fundación.

Sementan sospeita e desconfianza na función pública, e seméntana tamén no eido da cultura. A mellor proba delo é a súa composición, exclusivamente políticos, auténticos «depositarios de esencias e principios por riba dos demais», non como esas ducias de cidadáns profisionalmente comprometidos co labor e funcionamento das institucións públicas, e especialmente as do ámbito cultural.