Artistas no café dun chantadino en Vigo

Manuel Estévez

VIGO CIUDAD

24 nov 2022 . Actualizado a las 10:37 h.

Os cafés sempre tiveron moitas relacións cos artistas, sexan músicos, pintores, escritores, poetas, uns e outros participantes en tertulias. En Vigo foron famosas as que se celebraban no Derby, café fundado por Albino Mallo García, local que logo despois mudará de nome por Imperial. Existiu na cidade olívica o Goya, continúa o Elixio que ven de popularizar Leo Caldas a través da novela O último barco, así como aínda quedan lembranzas da Casa Roucos, onde noutrora se instalará o casal ourensán do Ribeiro de Avía, inolvidables Sem de Cenlle e Adela de San Amaro, espazo culinario referente da bohemia.

Moitos artistas ou escritores aparecen agora polo Nuevo Derby, que nada ten que ver con anterior, este rexentado polo chantadino Eusebio Prado, o mesmo que chegara a Vigo en 1976 para traballar na industria do automóbil, mudando o oficio pola hostalería, agora en Urzaiz número 21. Non hai máis que pasar pola céntrica rúa para alén das receitas regadas con caldos da colleita dos socalcos da Ribeira Sacra en parrais de Belesar, bañados polo Miño que augas que baixan ao encontro co Atlántico. Na sala de xantar onde en días recentes partillaron as receitas do restaurador de Mariz, os alcaldes do Saviñao, Juan Carlos Armesto; de Quiroga, Julio Álvarez, e de Sober, Luis Fernández Guitián, este último músico e escritor como moitos que son asiduos, chámense Bieito Ledo, Fernando Franco, Antón Pulido ou pintores da talla de Xosé María Barreiro, Manuel Ruibal, Orlando Pompeu, Delio Domínguez, fundador de Treixadura e das muiñadas no Muíño Vello de Redondela.

Uns e outros partillando exquisiteces culinarias con aqueloutros lobos de mar, os capitáns Jorge Sampedro ou Bernardo Bon Bon. Faladoiros na sala de xantar arredor das obras pictóricas tituladas Do mar a mesa, Casa con viñedos, Adega, ou mesmo Eusebio Prado ataviado coa capa da Irmandade dos Viños Galegos, cadros firmados por Diz, o mesmo que lleva sen expoñer na cidade 48 anos e agora, baixo o patrimonio do restaurador de Mariz, chega o Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, partillando sala co escultor Molares, mergullándose en diferentes disciplinas estilísticas.