A traxedia do bou «Eva»

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

VIGO CIUDAD

Presentación en Rianxo de «Unha morte lanzal», de Julián Rodríguez Novo.
Presentación en Rianxo de «Unha morte lanzal», de Julián Rodríguez Novo. marcos creo

26 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aconteceu o 22 de abril de 1937 no Berbés (Vigo) ás 11.30 da noite, a hora en que nove «toupeiras» (ocultas desde o verán do 36) ocuparon o bou que, moi pouco despois, tería que saír, gobernado por mariñeiros, ás habituais faenas pesqueiras. Os «asaltantes», xa con moitos problemas na súa vida clandestina, propúñanse chegar a un porto republicano do Cantábrico, o que frustrou unha delación.

Os republicanos que fuxían do terror franquista eran nove, oito homes e unha muller: tres socialistas, catro comunistas e dous galeguistas (os mestres José Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, rianxeiros, como o seu ilustre curmán). Comunista era a única muller do grupo, Carmen Miguel Agra, de 24 anos, esposa de Ángel Nogueira, tamén naquela evasión. Deixaban en Vigo dúas nenas pequenas, de 2 e 4 anos, no colo solidario dos avós. A maior, Concha, a nosa entrañable Conchita, aínda segue na loita. Xa delatados, a Garda Civil e a Falanxe, decatándose de que os republicanos non se renderían, introduciron, desde un alxibe, unha mangueira de auga para afogalos. Xuntos, estreitamente abrazados nun reducido espazo, decidiron non se entregaren, totalmente convencidos de que, se o facían, serían fusilados pero, antes, torturados. E acordaron, naquela situación límite, suicidárense. A Falanxe e a Garda Civil non tardaron en oír oito tiros de pistola... e, segundos despois, un tiro máis.

Nunha revista de Barcelona, Nova Galiza, pouco despois da singular traxedia (15-6-1937), Rafael Dieste publicou unha crónica elexíaca e maxistral (No linde da liberdade. Unha morte lanzal). Dous dos inmolados, rianxeiros coma o autor, eran vellos amigos seus.

Asombra o pouco eco que episodio tan insólito e significativo ten tido entre nós, pero acabo de recibir a noticia, de boa fonte, de que o cineasta Felipe Pariente, na súa produtora Visioners, vai comezar a rodar un filme, con guión do escritor Julián Rodríguez Novo, autor, como saben algúns, dunha obra de teatro sobre a singular traxedia. Teño a esperanza de que a estrea do filme abra un debate á altura daquel maiúsculo e insólito acontecemento.