Xa tes o teu sacho-selfie?

YES

CEDIDA

QUEN LLE DERA A APPLE retratar así o agroglamour. Como sigas estirándote sen xeito para facer selfies, váiseche escachar o brazo. Mellor fai como Jose: mentres moitos trucan a realidade para que colla na foto, el veña a desbrozala. Non te cortes, ho!

15 oct 2017 . Actualizado a las 17:14 h.

Visto que xa a case ninguén lle dá pau facerse un selfie, chegou o momento de meter o pau dentro da foto. É o que fai o grovense Jose Arnoso, que vai polo mundo adiante co seu ¡sachoselfie! Si, oes ben, quen lle dera a Apple retratar así o agroglamour... «Empecei de cachondeo na festa da Malla do Grove e agora o uso para reivindicar Galicia cun toque 2.0». Ou 4.0, que non? Recoñece que non o inventou el: «Na Rede xa había sachos, recolledores de lixo… O que pasa é que eu empecei a levalo ás festas e agora xa fago de fotógrafo, de photocall e ata de speaker», afirma. E xa o está franquiciando: «Na Festa do Marisco acabo de estrear o raño-selfie. Teño pendente atornillalo tamén cunha cuncha de vieira para promocionar o Camiño vestido de Zapatones; e estou valorando facer algo tipo Peliqueiro para o vindeiro Entroido». Este home-anuncio de 43 anos ten bastante experiencia nisto de fusionar as nosas tradicións mais ancestrais coas últimas tecnoloxías. El foi quen creou Turvegal, un proxecto de dinamización turística que facilita, entre outras cousas, compartir fotos para «vender» a Galicia máis verde na web.

UN PHOTOCALL ANDANTE

Jose Arnoso transfórmase nun xeito de photocall andante que tanto serve para promocionar un evento como para botar unha gargallada mentres engordas o Instagram. Pero este home, que, en realidade, se dedica á reciclaxe de vidro, sabe tamén customizarse pertinentemente para non desentoar na imaxe. A boina, as zocas… Cando saca de paseo o seu raño-selfie, vai coas zapatillas de casa metidas dentro dun zapato de goma. E, de abrigo, usa unha bata de cadros marrón. «Eu son meco de raíz. Crieime entre peixeiras. Tamén levo sempre algo de Lycra, tipo Zumba, porque as mulleres rurais son moito de facer a ruta do colesterol. É por ambientar».

Ten moito mérito isto de meter o selfie dentro do selfie. Se ata lle puxo a mazá de Apple ao sacho-selfie para modernizalo máis! A este paso, vaille acabar colocando focos de luz, pantallas para facer axustes de brancos e un ventilador para que o pelo non nos dea na cara. Como reacciona a xente cando se topa co artiluxio de Arnoso? «Moitos pensan: que fai o tolo este? Pero logo xa me piden sacarme unha foto e eu invítoos a sacala comigo. A condición é esa, que eu saque a imaxe tamén. É aí cando lles explico que isto é un proxecto de dinamización turística. Estiven no Festival da Luz e foi un despiporre. A propia Luz Casal veu xunto de min para sacar a foto. E con Miguel de Lira pasoume igual. Eu estaba despistado e primeiro sacoume unha foto el a min». Arnoso acabou subíndose ao escenario co sachoselfie para retratarse cos grupos e con todo o público detrás. Así o fixo con Tanxugueiras e De Vacas, pero tamén vai polos postos das feiras e sobe as súas interaccións ás redes sociais Twitter, Facebook e Instagram. «Debido ao meu traballo, coñezo moitos sitios aos que hai que darlle visibilidade», comenta Arnoso. «Hai concellos que só saen cando hai unha desgraza». Por iso creou a Galicia escondida e Turvegal, un espazo para colgar imaxes na Rede, sexan vistas a través do bordón dun peregrino, a zamarra dun peliqueiro, o raño dun mariscador ou o xa famoso sachoselfie de Arnoso. Non te cortes...