Estrella, 84 anos: «Antes era unha escravitude, agora cobramos os dous»

La Voz

YES

ANA GARCIA

25 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Estrella achégase ao millo e de súpeto fai un xesto coma se fose un espantallo. Bótase a rir a gargalladas e aplaude con esa ledicia súa a sorte de cumprir os 84 anos con boa saúde e «cobrando». «Cobro eu e mais o meu home», di coa seguridade de quen traballou toda a vida. Aos 12 anos ela xa servía nun bar, poñía cafés e así estivo ata que casou. Logo foi mariscadora un tempo, andou ao caracol, e sempre desde que ten recordos estivo nas leiras da casa «botando millo». «Agora xa non se come o millo, antes si, faciamos pan de broa, era o pan que había porque aquilo non era vivir. Traballabas e non comías», asegura Estrella, que sen coñecer á cantante Rosalía ten o mesmo estribillo: «Malamente». Con ese adverbio sintetiza a vida nuns tempos nos que non había nada, «por non haber non había nin traballo», así que o seu home ao pouco de casar marchou para Alemaña. «Quedei coa miña única filla, Lola, que era pequena. El estivo fóra catro anos, gañou ben e iso foi o que nos salvou; despois puidemos mellorar e facer a casa que temos», apunta botanto a vista atrás. «Antes as mulleres traballaban tanto coma os homes. Ou máis! Eu tiña que ir polo esterco das cortes para estendelo logo na finca, atendía a miña nai, que quedou paralítica aos 60 anos, ademais na casa éramos nove e non había para levar á boca: seis fillos, meus pais e mais unha tía».

 «Pariamos como os animais, e cando tiñas uns poucos cartos rendando chegaba o médico e levábache todo, porque antes non existían as residencias para coidar á xente maior nin nada diso. Todos os médicos eran de pago: eu atendín a miña nai 14 anos», di Estrella ao carón da súa filla, Lola, que agora é quen coida deles. «E moi ben», confesa orgullosa esta «abuela» que está aprendendo a facer cestos e presume sobre todo de neto. «É marabilloso, estudou a carreira en Santiago, logo fixo un máster na Coruña e agora traballa en Madrid. Non é porque o diga eu, pero é boísimo. Coideino sempre, desde que naceu».

Entre o millo verde lembra tamén Estrella cando á súa filla de pequena lle deu un brote de meninxite: «Paseino moi mal, estaba soa, meu home emigrado e foi un susto enorme, tiñas que facerte forte á forza». «Antes todo era unha escravitude, agora é unha riqueza, vivimos como reis», sentencia sen restarlle a importancia á pandemia: «Na miña vida vira tal conto, pasamos moito medo». «Pero os tempos do pasado que non volvan, que queden aló».

FOTO: ANA GARCÍA