Teresa, 80 anos: «Meu home estaba no mar, e eu no campo»

YES

ANA GARCIA

25 jul 2020 . Actualizado a las 11:42 h.

Teresa esfolla no millo a tanta velocidade que se colgase os vídeos en YouTube sería do máis visto. Fala igual de rápido, así que mentres se move entre patacas, cebolas e allos polas leiras, vaime contando a súa vida sen darlle moitas voltas. Teresa é unha muller esencial capaz de facer varias cousas á vez, así que ao tempo que está dándolle indicacións á súa neta maior, Nuria, de 30 anos, sabe onde está o seu home, Ramón, agora enfermo, e mira para min ofrecéndome un agasallo da horta: «Mira, queres os tomates cherrys?, lévaos, verás que ricos». Ela é unha muller entregada, diso non cabe dúbida, e a súa enerxía é tan contaxiosa que en dous minutos apaña patacas, dálle ao sacho e amosa orgullosa os allos. Pero rompe na emoción cando lle pregunto se tivo unha vida dura. «Moi dura -traga saliva-, aos dous anos de casada vimos para aquí e só tiñamos a placa do solo, todo foi con moito esforzo. Nada máis casar quedei soa no campo coa filla moi pequena. O meu home andaba no mar, pero ao pouco enfermou e houbo que parar. Nesa época a filla tiña 5 anos e tivemos que sacala da casa, el collera o tifus. Logo foi todo indo ben. Gañamos e tivemos para saír adiante». Teresa fai a conta dos anos de matrimonio, «55», e confesa o segredo de levar a vida xuntos. «Fomos bos compañeiros, antes podía contarlle todo, agora xa non, non está ben».

 A horta que aínda conserva deulle o necesario para subsistir: «Todo era para comer: verduras, millo, patacas, cebolas; tivemos un porco, ovellas..., pero nada para vender», di quen pasou a vida atarefada tamén na crianza das netas. «Eu non quixen máis que unha filla porque quería ter un cuberto (sinala á casa), ese é o meu cuberto, pero ela tivo claro que non quería quedar cunha soa. Deu a luz a Nuria, e oito anos máis tarde a Lorena. Ás dúas coideinas desde que naceron e axudeilles en todo o que puiden». «Eu cando cheguei aquí recén casada non tiña nada, houbo que traballar moito», resume ataviada co clásico mandilón e unha viseira de propaganda na que se le «PSOE». Non che vou preguntar por quen votas?, atízolle con retranca. Ela bótase a rir sen entrar en política: «Eu votei sempre para mellorar. Votei por España». Cando me despido, levo na man os tomates cherrys.