Os mellores balcóns da Ruta Xacobea

YES

Ana Garcia

SUBINDO MONTAÑAS e cruzando vales, o verde e o azul de Galicia alegran a ollada do entregado peregrino que ata pode soñar con ver as catro provincias sen moverse do sitio

04 ago 2020 . Actualizado a las 10:40 h.

Apraza do Obradoiro é a meta pero a ruta xacobea está chea de lugares nos que paga a pena facer un alto no camiño. Dá o mesmo que se escolla o Francés, o máis internacional e de maior tradición; o Primitivo, o máis antigo; o Inglés, polo que chegaron islandeses e escandinavos; o Portugués, o do Norte, a vía da Prata ou o de Inverno, a peregrinación de seguro amplía a perspectiva dos camiñantes. E non por motivos relixiosos neste caso ao que nos referimos, senón de paisaxe.

As panorámicas sen fin no horizonte son o mellor xeito de atoparse a un mesmo. Estas son algunhas das vistas que fican inesquecibles.

 

TERRAZAS NATURAIS

Cando a entrada a Galicia aínda está afastada, hai múltiples miradoiros a medida que se avanzan quilómetros e se sela a Compostela. Moitos están ao pé dos percorridos marcados, outros só piden afastarse uns minutos. O balcón que agasalla o monte Artxanda, en Bilbao, permite divisar a cidade atravesada pola súa mítica ría. É unha das opcións do Camiño Norte. Outra das terrazas máis fermosas dentro da mesma ruta é a dos cantís da chamada Costa Quebrada, en Cantabria, ou o miradoiro de La Boriza, en Llanes, Asturias.

Unha vez en terras galegas, as opcións continúan. O Camiño de Inverno, recoñecido desde o 2016 ao entrar na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, dá un espectáculo único. Logo de deixar atrás os canóns do Sil e do Miño da Ribeira Sacra (a ruta discorre tamén polo Cabe e o Lor) e antes de encadear a vía da Prata coa que se conecta, desde o alto do monte Faro, que abrangue os concellos de Chantada e Rodeiro, albíscanse as catro provincias galegas. Unha investigación xeográfica confirmou hai un ano esta vella crenza. Ao peregrino que escolla este vieiro, consolidado nos invernos como alternativa aos cumios nevados do Cebreiro no Camiño Francés, agárdao o punto con máis visibilidade do país. Esta azotea ten outro tanto ao seu favor: o de Inverno é un dos segredos do Xacobeo.

XOÁN CARLOS GIL

Se unha vez acadada Compostela hai ganas de seguir, o Camiño ata Fisterra e Muxía ten alturas de infarto, como o miradoiro do Ézaro, no concello de Dumbría. Hai que saírse da senda dous quilómetros pero o esforzo é compensado coa panorámica. O final do Xallas, o Atlántico, as illas Lobeiras e o cabo Fisterra saúdan ao lonxe.

 

POLO MAR

Hai varias rutas pegadas ao mar, o Camiño Norte, antes citado; a ruta do Mar de Arousa e o río Ulla, que conmemora a chegada a Galicia do corpo do apóstolo, ou o Camiño Portugués da Costa, cuxa entrada á nosa comunidade se produce pola Guarda. Neste concello limítrofe, o monte Trega é un deses altos que marabillan, coa ría de Vigo no seu esplendor de fondo. O de Cotorredondo, nesta mesma ruta, é outra opción.

Mentres, se se vai polo norte, polo Camiño Inglés, a ermida de Chamorro, en Ferrol, ou o cumio do coto de Ancos, en Neda, amosan como se estende ante eles a ría ferrolá.

Se nos deixamos guiar polo sendeiro que escolleu Frei Martín Sarmiento para conquistar o xubileu, ao longo da comarca do Salnés, os cantís da costa pontevedresa de Sanxenxo, coas vistas ás Cíes, a Ons e a Sálvora, así como ás marismas de Vilalonga na Arousa, son outras imaxes para encerrar na retina.

LUGO

Para rematar, non podía faltar un clásico. O alto do Cebreiro. Para os que parten desde Navarra, ascender ata este cumio é un sacrificio tanto en días de calor como de frío que se compensa unha vez enriba.