Noah Chichester, autor do primeiro portal dedicado en exclusiva aos viños de Galicia: «O xeito das adegas galegas non se ve en ningún lugar do mundo»
YES
De Nova York á Coruña e á Ribeira Sacra viaxou hai sete anos Noah, e non deixou de volver. O distribuidor vitivinícola fixo polo miúdo os mapas do tesouro de todas as denominacións de orixe da nosa terra, das que bota en falta promoción. «Interese hai. Os viños de Galicia deben estar na mesa dos mellores do mundo», asegura
03 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Pode que non coñezas a tradición do espumoso galego (habela hayna) ou que hai cen anos quen celebraba o Aninovo facíao, con case toda probabilidade, con «Champán Galicia». É unha das curiosidades dun experto catador de albariños que non queda só cos caldos da popular denominación Rías Baixas. O neoiorquino Noah Chichester, de 28 anos, divulga os sabores, e sobre todo os saberes, das cinco denominacións de orixe de Galicia en inglés e brinda por esta terra en todo o mundo. Este profe de inglés e distribuidor vitivinícola vén sendo fillo do ianqui de alma galega Andy Chichester, que medra en redes sociais falando e ensinando a nosa lingua.
Nesta historia primeiro foi o ovo. Foi o fillo, di, o primeiriño en descubrir e sucumbir ao feitizo da terra. «Antes que meu pai, tiven eu o contacto con Galicia grazas a un programa de auxiliares de conversación», afirma Noah referíndose a un programa do Goberno español dirixido a xente recén saída da universidade. A Noah, no 2018, tocoulle en sorte dar clase, como mestre auxiliar de inglés, na Escola de Idiomas da Coruña. É que foi xa cando puxo os pés na Coruña cando descubriu que o seu pai fixera, en realidade, unha visita relampo a Galicia nos setenta.
A Noah atraíalle de sempre o mundo celta, o predominio dos ríos, a súa cor verde e certos petiscos da cultura galega que lle fixeron intuír que este recuncho «ten algo especial, diferente ao resto do país». A paisaxe e a cultura propia foron determinantes na súa escolla. «A gaita. As pandeiretas. Todo. Galicia, sitio distinto, como se adoita dicir», resume o investigador.
Tres cursos, do 2018 ao 2021 e coa pandemia polo medio, estivo Noah na Coruña como auxiliar de conversa. O máis abraiante para el cando se mudou foi a xente, o xeito de ser e de estar na rúa. «O bar O Cachivache, na rúa do Orzán, agora pechado, era un lugar onde nos xuntabamos a xente que viñamos de fóra, eu e mais outros auxiliares de conversación. Alí atopamos un ambiente moi enxebre. Faciamos a queimada os xoves. Nese bar din eu os meus primeiros pasos en lingua galega. Os xoves tamén había foliada noutro bar que se chamaba A Repichoca. Estar nese ambiente foi confirmar que Galicia si é sitio distinto, onde falas, fas á queimada, tomas un viño e despois vas de foliada os xoves», relata este namorado da Coruña e da Ribeira Sacra. «Para min, o feito de estar aquí foi un arraigo moi forte, sentía que vivindo en Galicia sería unha mágoa desaproveitar o feito de coñecer esta cultura e a esta xente. E se é cunha cervexa ou cun viño galego na man... mellor!», considera.
Despois desa experiencia de tres anos de vivir de foliada e durmir de pé na Coruña, o neoiorquino levou a cabo un proxecto pioneiro: crear a primeira páxina web de viños galegos en inglés. Aínda que a páxina, winesofgalicia.com, está en inglés, o seu autor usa o galego a diario para falar cos adegueiros, para ler tanto noticias como documentos históricos de interese.
Despois de vivir na Coruña, Noah mudouse á Rioxa dentro do mesmo programa de estudos. A súa paixón polo viño xa viña con el de EE. UU., e na Rioxa comprobou que había unha carencia na comunicación e a divulgación en inglés neste eido. «Si había adegas con moita presenza no mercado exterior que contaban con páxina web en inglés, pero non había nada que puxese en común todo o contexto do viño galego. Cando estiven aquel último ano en Galicia, fixen un curso en Ribadavia. E fun lendo a hemeroteca de La Voz de Galicia e a Biblioteca Dixital de Galicia, mercando libros de segunda man... Creo que teño a maior colección de libros de viños galegos de Estados Unidos! Cheguei de volta cunha maleta enteira de libros de segunda man sobre viños. Pensei en escribir un libro en inglés sobre o asunto do viño galego, quería escribir ‘‘O Libro’’. Finalmente, non puido ser e pensei: ‘‘O que podo facer é unha páxina web. Requiría menos recursos. É un proxecto meu, que non busquei o apoio das denominacións de orixe, das bodegas, nin mo ofreceron. Pero eu tiña claro que era un proxecto que había que sacar adiante porque hai interese polo viño galego», asegura. Como é ese interese? «Haino, pero podería ser maior se se fixese máis traballo de promoción do viño galego —matiza—. A xente sabe qué é o albariño, pero non sabe que hai catro denominacións de orixe máis que Rías Baixas en Galicia. O proxecto meu era cambiar un pouco isto. Os profesionais do mundo do viño aquí en EE. UU. non tiñan recursos das varias denominacións de orixe, das indicacións xeográficas protexidas... E había que darlle á xente a oportunidade de coñecer todo iso».
Para Noah foi chegar a Galicia e encher, subliña. «Cando me interesaba polo viño de aquí, toda a xente coa que contactaba recibiume encantada». Lembra con sabor especial unha visita no condado do Tea. «Chamei ao propietario dunha bodega. Non sabía quen era eu. Díxenlle: ‘‘Quero montar este proxecto’’. Recibiume, estivemos falando tres horas e agasalloume con tres botellas de viño, sen pedirlle nada... Só dicindo: Poderiamos falar deste tema do viño? Este xeito é unha cousa que non pasa no resto do mundo. En Burdeos, por exemplo, se es profesional do viño chamas e o normal é que non te reciban», compara.
UN CHOIO DE PAIXÓN
Noah non quere entrar en comparacións. Defende que o mundo do viño en Galicia «é único». «Merece estar nas mesas cos mellores viños do mundo. Ten o nivel. Por iso quero facer ese labor de difusión», di. Para el, non é traballo cotián. Noah se ocupa en distribución de viños de diferentes zonas e denominacións de orixe, pero os de Galicia, asegura, son a súa paixón. Coa que está comprometido. A acollida da súa web de viños galegos foi «boa» en Estados Unidos, afirma Noah, que fai unha newsletter que conta con subscritores de todo o mundo, «de Inglaterra, Austria, Alemaña, Italia e Noruega, ademais de Estados Unidos».
El ten claro que co inglés se chega a todo o mundo, pero tamén que «sen axuda do galego non podería ter feito o proxecto». Nin en castelán? «Nin en castelán. Os recursos e os libros non son os mesmos. Durante un ano e medio estiven investigando pola miña conta, collía o Citroën para ir da Rioxa a Galicia nas pontes escolares... Estiven tempo indo á Ribeira Sacra. E alí chamei a unha adega (non vou dicir cal!). Colleu o teléfono a muller do adegueiro. Presenteime a ela e estivemos falando en castelán. E dixo: ‘‘Pois non sei, porque a data na que queres vir o meu fillo non está e el é o que fala mellor inglés...’’. Dixen: ‘‘Pero podemos falar en galego’’. E foi un interruptor de alegría. ‘‘Ah, bueno, falas galego. Podes vir cando queiras!’’. Cambiou o conto. Seguramente, facendo isto en inglés non chegaría a ningunha parte. Se falas galego, os galegos te ven como ‘‘a este tío lle importa o noso’’».
A web de Noah Chichester non está enfocada á venda dos viños de galego, senón ao coñecemento. «Eu promociono os viños galegos que me gustan a min. Teño un listado de produtores e mapas. E iso dá para falar da riqueza toponímica de Galicia», amplía.
Noah desenvolveu como autodidacta unha ferramenta para elaborar mapas propios cos datos das parroquias galegas. «Non quedei contento cos mapas das denominacións de orixe. Parecíanme pequenos. Pódese entrar nas parroquias e nas distintas subzonas das denominacións de orixe». E así o fixo. Na web, o resultado.
O galego aprendeuno sobre todo dun alumno que tivo que era dunha aldea de Lalín. «Eu comecei a darlle a el clase de inglés. Vin que falaba galego. Así que lle propuxen que, a cambio de ensinarlle inglés, el me dese algo de galego. E empezamos a facer o intercambio». Noah fixo amais un curso de B2 de galego da Escola de Idiomas da Coruña. «E do Celga 4 aprobei a parte oral e suspendín a escrita. Non teño o título, pero estou orgulloso de que podo falar galego», remata o investigador que non esquece o pensamento de Vicente Risco, pensa Noah Chichester: «Ti dis: ‘‘Galicia é ben pequena’’. Eu dígoche: ‘‘Galicia é un mundo’’».
Cales son os mellores viños de Galicia? «Sobre todo, os que falan do territorio, do que no mundo do viño chamamos terruño ou terroir», responde sen mollarse. É que o seu padal ten por estas terras moitos amigos de variada orixe...