Mexillóns tigres rabiosos

Os mexillóns son un dos mariscos máis económicos, así que nos permiten disfrutar dun pequeno luxo de cando en vez. Este prato cun toque picante é unha opción ideal para os comensais máis atrevidos


Este prato de Bolboretas no bandullo adoita encontrarse en moitas baiucas galegas xa que é tradicional da nosa terra, aínda que na actualidade xa se asentou como tapa en moitísimos bares do resto da península. Na Coruña, iso si, parece que aínda ten maior éxito e mesmo existe algún local que dedica o nome a este manxar.

Certo é tamén que existen diferentes versións para os elaborar, como pode ser cunha salsa similar á bechamel, despois pasada pola tixola ou gratinada ao forno. Porén, consideramos que esta mantén a tradición e a orixe do nome, coa presenza dese picante que o converte nunha delicia saborosa mais tamén ameazante. Todo vai tamén en función do gusto de picante de cada persoa. Nesta receta botamos bastante para lograr o efecto desexado. Con todo, non é un picor deste que fica na boca durante minutos, senón que vén e vai rapidamente.

Ingredientes
1 kg de mexillóns
1 tomate grande (350 gr)
1 cebola
3 dentes de allo
4 chiles
1 culleriña de pemento picante
1 folla de loureiro
1/4 de vaso de viño branco
2 culleradas de aceite
Instrucciones
  1. Para comezar, temos de limpar os mexillóns e abrilos nunha pota cun chisco de auga. Reservamos.

  2. De seguir, imos rustrir a cebola e os dentes de allo, picados finamente, en dúas culleradas de aceite.

  3. Cando abrande un pouco a cebola, engadimos o tomate cortado en anacos, o viño branco e a folla de loureiro. Tamén, os chiles e o pemento picante.

  4. Deixamos cocer durante 20 minutos e trituramos co batedor eléctrico.

  5. Quitámoslles unha cuncha aos mexillóns e colocámolos no prato ou onte en que imos servir o prato.

  6. Botamos un pouco de salsa por enriba dos mexillóns e xa estarían preparados para comer.

Autor Bolboretas no bandullo é un proxecto gastrocultural comprometido co noso idioma e cultura de Diana e David, profesores de lingua e autores do libro "Cociñando con Bolboretas no bandullo" www.bolboretasnobandullo.com
Votación
26 votos
Comentarios

Mexillóns tigres rabiosos