Demostrando que quere ser ciclista

Gustavo César Veloso

AROUSA

O vilagarcián Martín Rey, á esquerda da imaxe, celebrando o domingo o seu triunfo na xeral da Volta a Galicia
O vilagarcián Martín Rey, á esquerda da imaxe, celebrando o domingo o seu triunfo na xeral da Volta a Galicia Ramón Leiro

«Martín (Rey) ten motor para pasar a profesional e está demostrando que quere ser ciclista», di Gustavo César Veloso na análise do seu, quen sabe, se posible sucesor no gran pelotón

19 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñezo a Martín desde que era neno e empezaba no ciclismo. Está andando moito, crecendo a bo ritmo, dando pasos de xigante ano a ano. Todo o traballo que leva feito nestes anos vai saíndo.

Martín destaca sobre todo pola cabeza que ten. Ten garra. É un corredor de raza. Non lle dá medo arriscar cando ten algo que defender. Viuse nesta Volta a Galicia. Cando lle tocou defender el só o liderado non tivo medo. Esa determinación é importante tela.

A nivel técnico falamos dun ciclista bastante maduro. Cada vez é un corredor máis sólido. Nesta Volta a Galicia non era un dos favoritos. Pero fixo unha crono moi boa, na segunda etapa colleu un par de segundos para facerse co xersei amarelo e despois soubo defendelo. Iso é moi importante. Fisicamente hai que poder facelo, pero mentalmente tamén hai que saber levalo. Tivo un equipo forte ao seu redor, pero el soubo levalo; con moita determinación e asumindo o papel de líder. Houbo momentos nos que dixo ‘Aquí estou eu' e defendeuno como hai que defender estas situacións.

Con 20 anos, creo que Martín xa está nun nivel para que un equipo aposte por el. Pero se non é así, inda é novo para estar un ano máis en sub 23 para curtirse, seguir medrando e dar o salto a profesional. Agora está de moda saltar de xuvenil a profesional sen pasar polo campo amateur; parece que se non o fas así xa non serves, cando o normal é o que está a facer Martín. «Martín ten motor para pasar a profesional e está demostrando que quere ser ciclista.