Manuel Seixas, filósofo, músico e escritor: «Soportamos un telediario vendo cousas amorais e seguimos comendo»

Bea Costa
bea costa A ILLA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

Martina Miser

Nove mulleres e un home acompañan ao profesor na tarefa de pensar, ao longo do obradoiro de Filosofía que imparte na Illa

05 dic 2023 . Actualizado a las 21:02 h.

De Filosofía adoita falarse nos institutos, nas facultades e en foros especializados. O que non é habitual é atoparse con este asunto no programa de actividades dun Concello, pero na Illa de Arousa ocorre. A iniciativa partiu de Manuel Seixas (Vilagarcía, 1961) e unha ducia de persoas decidiron acompañalo nesta aventura que arrincou onte con nove mulleres —dúas delas nai e filla— e un home, Juan Otero Genito. Os que queiran sumarse a este club están a tempo de facelo. O curso desenvólvese nas casas modernistas os luns, mércores e venres pola mañá, ata maio, e é de carácter gratuíto.

—De onde naceu a idea?

—Hai cursos de todo, pero non hai cursos de pensar, esquecemos pensar. Máis ca nunca necesitamos ter espírito crítico para entender o que está pasando no mundo, na vida diaria, social e sociopolítica.

—Entender o mundo. Ponse un obxectivo ambicioso...

—Falo de entender o mundo segundo a postura de cada quen, relativizando. Gustoume hoxe [por onte] que ningunha das persoas cría en verdades absolutas, eran relativistas e escépticos.

—A dúbida, a pedra angular da Filosofía. Dubidamos o suficiente?

—Non, a maioría intentamos sobrevivir e non comprometernos. Soportamos un telediario con mortes e violencia, vendo cousas amorais, e seguimos comendo. Como dicía Genito, temos unha insensibilidade moi grande, desconectamos, hai moito egoísmo.

—Pero iso non é un mal recorrente, no pasado, no presente e no futuro?

—Si, pero no noso país exacérbase bastante con todo o que está pasando politicamente. Hai moita xente coa cabeza cadrada en todos os partidos que se cren que están en posesión da verdade e non se relativiza. Hai que falar no canto de berrar.

—Fala da política, e que me di dos medios de comunicación?

—Tamén se dixo no curso que é difícil atopar medios que ofrezan unha verdade con garantías, medios libres. Temos que enfrontarnos ás novas de maneira crítica, non quedarnos só no titular.

—Se falamos da cultura do titular hai que mirar ás redes sociais. Como percibe este fenómeno un filósofo?

—Tamén se tocou no curso e gustoume moito. Falouse de que con internet hai máis acceso á información, pero, con tanta fake new, tampouco é un medio fiable. As redes sociais teñen algunhas cousas boas e unha morea de cousas malas. Aportan inmediatez, pero, filosoficamente e humanamente falando, non me parece un dos grandes inventos da humanidade.

—Vostede vén da docencia...

—Prexubileime hai dous anos, aos sesenta, e foi un erro porque é o traballo da miña vida.

—En todo caso ten moi recente a súa faceta de profesor e o contacto cos mozos. Que opinión teñen os adolescentes da Filosofía?

—É algo complexo, os profesores temos algo de culpa tamén. É unha materia escura que os alumnos teñen que entender que é única e que teñen que amar; soa a utópico pero eu intento que amen o que teñen que chapar.

—Iso nuns tempos de regresión da Filosofía nos plans de estudos...

—A Filosofía non interesa moito aos gobernantes deste país, parece que canto máis pense a xente máis medo teñen. Son necesarias materias de pensar e sobre sensibilidade e socialización.

—Mentres, vostede pon a pensar á xente na Illa. Que expectativas ten para este curso?

—Como di o outro, hai que ir partido a partido. Hoxe [luns] foi marabilloso porque vin a dez persoas pensando e activas. Se conseguimos iso, aparte da teoría, voume cun canto nos dentes.

—Hoxe non ten libro que vender, pero por que hai que ir ao curso?

—Para pasar o rato pensando e ser unha persoa máis crítica e reflexiva.