O PSOE de Valga propón a posta en marcha dun plan municipal de conciliación

La Voz VALGA / LA VOZ

VALGA

Martina Miser

Consideran necesario que a cidadanía poida beneficiarse dun plan madruga municipal para a cativada

30 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O PSOE de Valga presentou durante o último pleno da corporación unha mociónna que solicitaba ao goberno de Bello Maneiro a creación dun plan municipal de conciliación. «As institucións públicas deben implicarse mediante políticas e medidas suficientes, duradeiras e que perduren no tempo para que a conciliación, e en consecuencia a corresponsabilidade, sexa unha realidade e facilite o desenvolvemento da vida das familias valguesas», din dende o PSOE, formación que recalca tamén que «o Concello de Valga recibe fondos ao abeiro do Plan Corresponsables».

Por esa razón, os socialistas piden un plan. Na súa redacción, sinalan, deberán ter voz, «ademais dos grupos políticos, a comunidade educativa, o tecido asociativo e pais e nais». Dentro dese documento «entendemos prioritario a creación dun plan madrugador municipal destinado a familias que teñen que compatibilizar a crianza coa súa profesión». Nese sentido, recordan que «na actualidade Valga non dispón del, como si dispoñen noutros concellos do entorno. As familias de Valga vense obrigadas a acudir a iniciativas privadas ou organizadas polas asociacións de nais e pais, pero moitas non poden acollerse polos elevados prezos», segundo afirma María Ferreirós. Na mesma moción, os socialistas de Valga solicitaron a posta en marcha do comedor do Xesús Ferro Couselo, e que este proporcione servizo tamén ás aulas do CRA de Valga.

A proposta, presentada vía urxencia, non saíu adiante debido aos votos en contra dos concelleiros do partido popular. O PSOE non renuncia a ela: volverá levala a pleno.