A Deputación achega o 85 % dun investimento de 615.000 euros para obras na mina Porto Piñeiro, en Valga

La Voz VALGA

VALGA

O presidente provincial, Luis López, asinou o convenio co alcalde na que foi a súa primeira visita institucional ao Concello

05 dic 2023 . Actualizado a las 17:55 h.

O presidente da Deputación Provincial, Luis López, realizou esta mañá a súa primeira visita institucional ao Concello de Valga dende que accedeu ao cargo para asinar un convenio de colaboración para o investimento de 615.000 euros no proxecto de recuperación ambiental da mina Porto Piñeiro. Os fondos, dos que a entidade provincial financiará o 85 %, permitirán dar continuidade ás sendas peonís e ciclables xa iniciadas en fases anteriores.

O alcalde Bello Maneiro incidiu en que a recuperación de Porto Piñeiro é «un proxecto de presente e de futuro para Valga», que ascende en total a máis de 14 millóns de euros e que inclúe máis dun quilómetro de sendas bordeando a lagoa, zonas de praia fluvial e parque acuático, cabanas, área de espectáculos con escenario e bancadas, espazos deportivos… Ademais, está vencellado con outro ambicioso proxecto: a recuperación da antiga liña de vagonetas aéreas ata o río Ulla.

«Con proxectos coma este, ademais doutros recursos coma o Belén Artesanal, o Museo, persoeiros coma a Bella Otero e o noso patrimonio natural e histórico, queremos atraer turismo, agora que xa temos cubertos en todo o territorio do concello servizos básicos coma o saneamento o abastecemento ou o alumeado», sinalou o alcalde.

Luis López asinou no Libro de Ouro do Concello e mantivo unha xuntanza co alcalde e cos concelleiros Carmen Gómez e Pedro Calvo para tratar outros asuntos e actuacións competencia da Deputación provincial. Os representantes municipais agasallaron ao presidente cunha botella conmemorativa da última edición da Mostra da Caña do País.