A información pública o proxecto de conexión dun viario alternativo á estrada Baión-András

La Voz VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

A previsión da Xunta é poder aprobar o proxecto no outono; a obra ten un orzamento de 620.000 euros

19 abr 2024 . Actualizado a las 14:03 h.

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de conexión dun viario de concentración parcelaria coas estradas autonómicas PO-531 e PO-301 en Vilanova. O obxectivo deste proxecto, que suporá un investimento de máis de 620.000 euros, é darlle funcionalidade a ese viario, como alternativa á estrada provincial EP-9701, Baión-András, a través da execución duns entronques coas estradas autonómicas PO-301 e a PO-531. «Trátase de unir as estradas autonómicas PO-301, PO-300 e PO-531, que son vertebradoras do territorio do Salnés, con tráficos importantes nos treitos obxecto desta actuación, partindo da intersección da estrada PO-300 coa PO-301 en Ponte Arnelas e tendo como punto final a estrada PO-531 no seu punto quilométrico 17+180», segundo explica a Consellería de Infraestruturas.

Co procedemento que hoxe anuncia o DOG, tamén se somete a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización desta actuación. As persoas interesadas poderán presentar alegacións ao citado proxecto, por un prazo de 30 días hábiles, a contar desde mañá.

A previsión da Xunta é poder aprobar o proxecto no outono, para a finais de ano poder realizar a convocatoria de levantamento de actas previas das expropiacións e licitar a execución das obras no primeiro trimestre de 2025. O prazo de execución das obras é de 12 meses.