Feminino plural

Rosa Quintana CONSELLEIRA DO MAR

BARBANZA

24 mar 2018 . Actualizado a las 20:23 h.

Teño que recoñecer que é cada vez máis frecuente que me pregunten sobre o papel da muller no sector do mar e tamén é honesto que recoñeza que me gusta que exista esa inquietude porque é un xeito de demostrar que a cidadanía está cada vez máis implicada cunha das súas metades. Como conselleira, sempre estiven volcada no sector do mar en todos os seus eidos, estean maioritariamente integrados por homes ou por mulleres, pero sendo unha delas e estando comprometida como estou desde que teño uso de razón, como muller sempre entendín a necesidade de esforzarme especialmente naqueles segmentos onde aínda queda moito para que se nos inclúa.

Está claro que queda moito camiño por percorrer, pero tamén está claro que, neste caso, calquera tempo pasado non foi mellor. Non queda tan lonxe a época na que as mulleres nin sequera tiñan representación nos órganos de goberno das confrarías. Falar de que unha muller puidera ser patroa maior non entraba en ningunha quiniela. Afortunadamente, a ninguén lle pasa hoxe pola cabeza que iso poida ser así, pero para chegar ata aquí, houbo que pasalo.

En todo ese proceso tiveron moito que ver elas mesmas e a súa concienciación. Temos o exemplo claro do marisqueo a pé. O punto de inflexión veu da man da profesionalización da actividade, dos pagos dos seguros, da súa cotización e da independencia que lles deu verse autónomas e independentes. De verse, en definitiva, empoderadas e exemplarizantes.

Eu teño a sorte e privilexio de poder contar de primeira man como se xestou ese cambio. Teño a sorte de ter vivido con elas como se converteron nas donas das praias e como botaban a andar protagonizando un cambio dun ciclo que, aínda que parece longo, se atopa en marcha.

En marcha porque hoxe podemos falar de que contamos con 14 patroas maiores, 28 vicepresidentas e case 200 vocais de cabidos e xuntas xerais das confrarías. Tamén porque a xunta xeral da Federación Galega de Confrarías ten un 25 % de representantes femininas ou, sen ir máis lonxe, porque o equipo directivo da consellería que dirixo está conformado por mulleres na súa práctica totalidade.

Hoxe podemos falar de mariñeiras, de bateeiras, de mariscadoras, de conserveiras, de comercializadoras, de acuicultoras, de redeiras, de armadoras e de lonxeiras. Probablemente hoxe non poidamos falar aínda dun equilibrio pleno neste eido, pero podemos facelo con total seguridade, en feminino e en plural.