Día das Relixións

BARBANZA

BERNARDO CODESIDO

20 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende 1950 celébrase, no terceiro domingo de xaneiro, o Día das Relixións, onde entran todas, as algo máis de catro mil que se teñen oficialmente contabilizado.

Non sei que se pretende con tal celebración, se o recoñecemento de que as crenzas son parte do ser humano ou que, segundo o lugar en que vive así entende a súa relación co mundo e polo tanto todas son a verdadeira, ou tan só que con este día se lle permita a cada quen manifestar a súa crenza sen molestar a ninguén, con plena liberdade.

As relixións serviron para explicar aquilo que non se entendía, cos seus mitos e anatemas que hoxe ata nos dan risa cando non mágoa, pero tamén para aportar unhas normas de conduta que non tardaron en converterse en imposicións, sempre ameazando baixo a suposta vixilancia dun ser omnipotente que todo o ve e castiga sen compaixón.

O certo é que das distintas maneiras de crer, hai tres, coas súas ramificacións máis ou menos ortodoxas, que nunca se levaron ben, a pesares de que as tres teñen, como figuras fundamentais, os mesmos personaxes bíblicos. Musulmáns, xudeus e cristiáns nin sequera se entenderon naquel Toledo medieval en que as tres convivían mirándose de esguello. Para exemplo de malquerer, entre nós quedaron lendas como a do tributo das cen doncelas que os cristiáns tiñan que pagar para fornecer os haréns de Al-Andalus ata que os irmáns Figueiroa as liberaron a ramallazos, ou o touro que Xan da Arzúa soltaba diante da procesión do Corpus de Allariz para espantar ós xudeus que interrompían e burlaban tan devoto acto relixioso, e asemade a grande cantidade de barrios onde xudeus e mouriscos eran confinados e aínda se citan no nomenclátor de moitas das nosas vilas, para deixar constancia de que vivían arredados os uns dos outros.

As relixións cargaron e aleitaron a toda clase de exaltados intransixentes que se crían os únicos escollidos do seu deus. E se ben, dous pobos poden chegar a vivir xuntos, dous deuses non, aínda que sexa o mesmo con distintos nomes. Sempre haberá unha crenza que, ó amparo da maioría, das armas ou das leis impoña a súa razón; así foi e se viviu ó largo da historia dende moito antes que o emperador Tito derrubase o templo de Xerusalén ou Isabel a Católica entrase en Granada coa cruz do Santo Oficio por estandarte; e seguen manifestándose como se non aprendésemos nada nos libros de historia, vímolo en Saraxevo no 1992 e vémolo en Gaza estes días.

As relixións alimentaron sempre a lacra dos integristas, incapaces de comprender que as crenzas non son exclusivas de ninguén, que a tolerancia é o único que pode acabar co fanatismo ou que, como lle dicía un tunesino a un parente meu: Deus é o mesmo para todos, só que en cada lugar rézanlle segundo o seu costume, uns cos ollos no chan e outros cos brazos erguidos ó ceo.

Ó final non sei se este terceiro domingo vai servir para algo. Bastaría que servise para decatarnos de que en todas esas relixións que se expanden polo mundo adiante, non é necesario ler ningún libro sagrado para saber que o fundamental baséase nun mesmo principio, amar ós nosos semellantes sen distinción de raza nin de credo.