Catuxa Salom: «Metín a miña man no caixón das raíces e saíu isto»

P. Blanco / F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

cedida

Este venres actúa en Carballo, con banda. Ela é unha das voces máis destacadas do movemento folk-electrónico actual. Galega e arxentina. Unha artista no rural que prepara xa segundo disco. Así fala Catuxa Salom

02 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Canta ela: Eu vin para a aldea a vivir / A vivir unha vida tranquila... Unha das citas máis destacadas para esta fin de semana estará en Carballo, onde este 2 de febreiro, venres, continuarán precisamente os Venres Culturais. Trátase dun ciclo con entidade propia dentro da programación municipal Cultura con Forza e que esta semana lle abrirá as súas portas a unha das voces máis destacadas do movemento folk-electrónico que se está a dar nos últimos tempos. O seu concerto será ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura, con entrada a 5 euros. Non é outra que Catuxa Salom, quen falou en Radio Voz este mércores: 

—De vivir en Madrid a unha aldea de Lugo. De Catalina a Catuxa. Que lle tirou de Galicia para decidir dar semellante cambio ou, mellor dito, para volver?

—Foi volver, totalmente. Somos dunha xeración que viviu bastantes anos na cidade e que se deu de conta de que dos ritmos tan estresantes ou mesmo da imposibilidade de aforrar nada chega un punto no que te cansas. Dixen, «pois volvo», e así foi. 

—Catuxa é unha artista galega, pero tamén arxentina. O seu é un proxecto musical que une o tradicional co tribal, os ritmos latinoamericanos co electrónico. Como chegou a esta mestura tan explosiva ou quizais tan natural?

—Foi súper natural, exacto. Metín a miña man no caixón das raíces e saíu isto, moitísimo folclore arxentino, moito folclore galego... Ao final é o resultado do que son eu, non é ningunha artimaña. 

—No 2022 publicaba o seu primeiro disco, Nunha aldea, e con el ten ofrecido ducias e ducias de concertos nunha intensa xira. ¿Foi este traballo máis alá do que vostede mesma esperaba?

—As cousas nunca saen como imaxinas, partimos de aí. E a verdade que o recibimento en Galicia foi espectacular. Estou súper contenta e agradecida, toquei en sitios que nin sabía que existían. Foi unha viaxe de coñecer Galicia en moitísimas facetas, algo fermosísimo. 

BASILIO BELLO

—O prexuízo di que é máis difícil darse a coñecer como artista en Galicia ca en Madrid. Pero é un prexuízo.

—Si, porque creo que non é máis complicado. Traballei moitos anos en Madrid, na industria musical, tiña unha banda de country. É certo que nos foi moi ben, porque tes moitísimo máis público que te pode escoitar, só porque hai máis xente, por probabilidade. Pero tamén hai moita máis competencia. Ninguén te vai querer tanto como a xente que te coñece, aquí hai un cariño, un coidar, máis alá do proxecto en si. Notei unha diferenza bastante grande. 

—Non temos que esquecer que estivo nominada xa en dúas ocasións aos Martín Codax na categoría de músicas do mundo. Falta a terceira. Irá a vencida?

—[Ri]. Iso din, a ver. Espero poder presentarme, porque xa ando producindo disco... Pero se non puidese ser, chega con estar alí, xa é unha fantasía. A cantidade de xente que coñeces, o ambiente vale moito a pena. 

—Mensaxe e posta en escea van da man. A estética de Catuxa Salom é vistosa, diferenciada. Diriamos que pensada. Semella que o pantalón gaucho e a saia do traxe galego cadraron ben.

—Pois si, foi grazas a unha das miñas mellores amigas, Ela de Estela, que tamén é deseñadora. Propúxenlle a idea por riba e ela deulle os toques finais. 

—Nas Festiletras do Couto ou no festival Rueiros da Vila de Caión presentaron o seu nome como grande reclamo. Viaxará este venres a Carballo, a unha terra que é capital da música e do baile tradicional. ¿Tes estado xa previamente ou falamos dunha estrea?

—Estrea absoluta, estrea mundial. Vai ser toda unha sorpresa. Temos moitas ganas. Iremos con banda, con Lucía Cortiñas e Judith Almeida. Será unha viaxe sonora, como nos gusta a nós dicir. Enerxía, entrega... A xente ten que vir con moitas ganas de bailar. 

—Ten a conciencia de estar formando parte dunha xeración que se achega á tradición xa doutra forma? Non como veneración, senón como desfrute dende a actualización.

—Bueno... Eu estou un pouco no medio. Vivo no rural, configuro a miña música dende o rural no que vivo agora. As miñas avoas son arxentinas, non teño esa tradición de foliadas ou cantos de taberna, non o mamei. Polo tanto a miña é unha creación dende o agora, coas historias do día a día. Nese sentido non sería parte desa corrente, pero que me inclúan nela é unha honra, sinceramente. 

—O ecofeminismo, a natureza, a volta ao campo, a vida tranquila, as raíces ou o rural están presentes na súa música, nas súas mensaxes. Entenderías unha música sen compromiso dalgún tipo, aínda que sexa só compromiso co desfrute?

—Non, non podo. Non podo evitar unha mensaxe máis social ou dende a sinceridade. 

—Falabamos antes de futuro e falamos dun moi inminente, este 2024 no que chegará un disco novo. Que nos pode adiantar del? 

—Creo que vai ser o Nunha aldea II. Agora que xa vivo na aldea, que teño que contar dende aquí? Houbo unha reconfiguración de moitísimas cousas, de historias de avoas que viven aquí, de xente marabillosa que nutriu todas as letras.