A conselleira de Pesca dedica un sentida despedida ao ex patrón maior de Malpica, falecido onte

27 jul 2016 . Actualizado a las 12:47 h.

Se a vida fose xusta, hoxe non estaría a escribir estas liñas. Alguén que apenas levaba dous anos xubilado tras máis de 45 dedicados ao mundo do mar, mereceríase gozar dun recoñecemento, non ser protagonista dunha elexía.

 Genaro déixanos tras unha vida dedicada ao mar. Ao mar no seu máis amplo sentido. Ao mar desde fóra e desde dentro. Era tan só un neno cando empezou a traballar nun barco do cerco, enrolouse en buques da Mariña Mercante para volver outra vez a pescar. Xa se sabe que o mar é tan duro como complicado de abandonar unha vez que te vinculaches a el. Méteseche nas células, é algo difícil de explicar.

 Por iso Genaro, lonxe de dar un paso atrás, deu varios á fronte. Primeiro como patrón maior de Malpica, logo como presidente da Federación Provincial da Coruña e, máis recentemente, como presidente da Federación Nacional.

 Galego como ningún e home de mar por enrima de todo, foi nese contexto onde demostrou os seus dotes de negociador. Eu senteime nalgunhas desas mesas, eu vino pelexar. Non se lle escapaba nin un só peixe que tivese cabida na rede.

 É realmente triste para alguén coma min, que traballei cóbado con cóbado con el, ter que despedilo. É realmente triste perdelo. Genaro, amigo, mirar ao mar e notar a túa ausencia será para min algo máis triste desde hoxe.