O festival Curtocircuíto reivindica ao Roberto Vidal Bolaño cineasta frustrado

Miriam García
M. G. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Vidal Bolaño, traballando nunha mesa de mestura audiovisual.
Vidal Bolaño, traballando nunha mesa de mestura audiovisual.

«Dicía que o que sempre quixo era dedicarse ao cinema», explica Julio Vilariño, membro do Cineclube de Compostela

05 oct 2023 . Actualizado a las 16:07 h.

É un dos grandes referentes do teatro galego, pero Roberto Vidal Bolaño (Santiago, 1950-2002) tamén deixou a súa pegada no eido audiovisual, como quedou patente na sesión especial deseñada polo Cineclube de Compostela para o festival Curtocircuíto na que se proxectaron varios dos seus traballos, entre eles, por primeira vez despois de máis de corenta anos, O día que os pifanos deixaron de zoar, a única curtametraxe que o compostelán fixo baixo o seu nome e que foi recuperada para a ocasión.

«É unha figura que tocou o cinema, o vídeo, a dobraxe e, aínda que sexa unha faceta menos coñecida có teatro, si que foi unha persoa moi preocupada polo cinema e estivo nesa cinema galega posfranquista», lembrou Julio Vilariño, membro do Cineclube de Compostela.

Roberto Vidal Bolaño formou parte do Equipo Lupa —primeiro grupo que de xeito continuado emprendeu a principios da década dos 70 un proxecto organizado destinado á produción cinematográfica en Galicia e en galego—. Ademais, o dramaturgo «manifestou en varias entrevistas que o que sempre quixo era dedicarse ao cinema. O seu fillo Roi explica tamén que seu pai lle dicía sempre que en realidade querería ter feito cinema, pero coas infraestruturas que había en Galicia era bastante difícil», detallou Vilariño, recordando que o autor teatral era un gran afeccionado ao cinema clásico. «Na súa obra poden atoparse moitas referencias a filmes como alusións á existencia do propio cinema», engadiu.

Na traxectoria no eido audiovisual de Vidal Bolaño non só destaca O día que os pifanos deixaron de zoar, dos anos 70, que gardaba moi ben conservada o que foi decano de Ciencias da Educación Lois Ferradás, que tamén participara naquel proceso de filmación. Como membro do Equipo Lupa, o compostelán fora un dos cámaras que gravara o derrubo do icónico edificio Castromil en Santiago, «e tamén foi un pioneiro da dobraxe en galego e traballou en varios estudos para facer publicidade».

Unha das espiñas cravadas que lle queda ao Cineclube é non dar localizado un par de traballos significativos ao longo da traxectoria audiovisual de Vidal Bolaño, tal e como era un episodio piloto dunha serie de televisión que se titulaba Morosos varios, así como un traballo sobre o Entroido do Ulla co Equipo Lupa. «Sería un tesouro recuperalo. El era o responsable da dirección e organización e igual nunca se chegou a montar, pero sábese que se rodou», explicou Julio Vilariño, engadindo que o dramaturgo apostaba por que o colectivo se dedicase tamén á ficción, «pero non deron o salto por unha serie de obstáculos».

Na sesión de Curtocircuíto incluíanse, ademais, pezas realizadas por Vidal Bolaño para televisión nos 80, así como un anuncio sobre unha montaxe teatral de Chévere. «Fixo poucas cousas, pero bastante importantes», sentenciou Vilariño.