«Rapa: xente ao monte» ou por que hai que «pousar o peteiro no chan»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Alejandro Enríquez

O documental de Alejandro Enríquez, que se estrea mañá, amosa o ciclo anual desta tradición e, sobre todo, a comunidade que a sustenta

21 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Roi deita o cabalo e mira a cámara. O seu aceno convértese de súpeto na síntese das últimas dúas horas, que en realidade son un ano enteiro: malia a todo, xente ao monte. Máis ca nunca, os pés na terra. Como di Gelo, hai que «pousar o peteiro no chan».

Gelo e Roi, pero tamén Enrique e Paulo e unha aldea enteira, incluso os que xa deixaron a aldea, son moitas voces e tamén unha soa. A que se mestura co vento zoando nas árbores e as bestas trotando no monte, coas cores, coa chuvia, co café e a cervexa do teleclube, co arrecendo dos chourizos e a arrincadeira do licor café na festa. Todo iso pinta un retrato impresionante en Rapa: xente ao monte, unha longametraxe documental na que Alejandro Enríquez conta a rapa das bestas. Esa outra rapa, a que supón un ciclo anual, na que tamén teñen o seu lugar o lobo, os conflitos co gando, o rexistro veterinario, os eólicos, e claro, tamén o curro.

«Todo o mundo conta a rapa dos días de festival e a min paréceme moito máis potente esta rapa pegada á terra, á amizade e a unha comunidade». Porque Rapa é un documental de personaxes, unha inmersión nun microcosmos, o de Sabucedo, o da relación ancestral co territorio e coas bestas, que estende as súas raíces ata Madrid.

«Tiña moi claro que tiña que ser unha película coral», explica Alejandro Enríquez. Porque do que fala Rapa: xente ao monte, é da comunidade. Das relacións entre uns e outros, dos seus conflitos, dos que quedan, dos que marchan, de ir ao monte e de aloitar, de como vai mudando a paisaxe co paso dos meses.

«Se colles a unha persoa soa, séguela e estás con ela todo o tempo pode ser máis íntimo respecto desa personaxe, pero esa personaxe representa só un trociño da rapa» e non o universo enteiro que supón convivir coas bestas todo o ano. O universo enteiro que supón non convivir coas bestas todo o ano. O universo enteiro que supón cada un dos conflitos que se dan dentro da comunidade.

«A idea no documental é que vas seguindo o que pasa, a vida da xente que está alí, e o os conflitos dos cabalos rematan sendo boa parte dos conflitos que ten a comunidade, máis aló das situacións das persoas». Sucédense, como sucede a vida: os cabalos que van comer ás fincas dos veciños, as bestas que desaparecen nas mans dos cuatreiros, o lobo, aos eólicos, a organización da festa, os trámites burocráticos... «Cada conflito pode ser unha historia en si mesma», afirma do directordo filme, pero este documental non é de investigación, é de experiencias. «Ten algo máis de observacional, de inmersión nunha comunidade, que de alguén de fóra que destaca unha historia. Son eles os que te contan a historia segundo lles vai pasando».

E así, Gelo é quen está máis presente cando o documental amosa máis a terra, o monte, as bestas. Cando hai que ir co peteiro pousado no chan. Pero son outros, como Enrique, como Paulo, os que toman o mando cando o ciclo obriga sobre todo a xestionar. E é a comunidade enteira, moreas de homes e mulleres, a que encarga de guiar as bestas cara á rapa.

E así, nun constante xogo de espellos entre quen está apegado á terra, quen ten que levar o peso da xestión, que está fóra e bota en falta Sabucedo, é como se vai construíndo esta película, mesturando a comunidade coas bestas, coa paisaxe, creando unha única e gran personaxe a través de potentísimas imaxes, das bestas, do monte, da aldea, da chuvia, dos labores agrícolas e domésticos. Como o mar de cores nun plano cenital co que arranca Rapa. «Todas esas sensacións que eu teño cando vou alí, de anos de estar alí, están na película».

«Podes falar do baleiro do rural cun carácter positivo»

 

 

Rapa: xente ao monte, fala de tradición e de pasado, fala do presente, e fala tamén do futuro. De que malia todo, hai futuro, debruzado na conversa de dous rapaces sobre quen vai ser quen de aloitar este ano. Gravado nese aceno de Roi cando finalmente, e malia que non contaba, entra no curro e deita o cabalo. «Unha das cousas que me gustaba é que ao final podes falar do rural, do baleiro que está pero cun carácter positivo», explica Alejandro Enríquez. Non é o tema principal do documental, pero é un dos moitos fíos cos que se vai tecendo o día a día en Sabucedo.

«Ten esa parte positiva de que hai esa enerxía de defender algo propio, esa enerxía positiva creo que é algo moi bonito no documental» porque Rapa non recompila laios continuos sobre a falta de bestas, ou que a xente emigrou. «Non estás laiándote todo o tempo, ten esa parte positiva de dicir que imos para adiante».

E si, na secuencia final fálase de pasado, de presente e tamén de futuro. Vanse afastando Enrique e Gelo mentres falan do lobo. Un di que é necesario, o outro di que non é seu amigo. Dous xeitos de ver o mesmo mundo que conviven nunha comunidade: quen queda atado á terra e non ve a globalidade. Quen, dende lonxe, pode ver o retrato enteiro, pero a cambio de perder a relación co territorio. «Hai que elixir. Todas esas conversas se tiras do fío o que están dicindo é se quedas ou marchas. E diso fala a peli: marchamos porque temos que marchar», matiza o seu director.