A morte co novo mestre

Xosé R. Castro FONDO NORTE

GRADA DE RÍO

RC CELTA

15 abr 2024 . Actualizado a las 20:46 h.

Jailson non sabía da existencia do Claudio Giráldez ata hai un par de meses e, de feito, chegou a Vigo da man de Rafa Benítez. Por iso, cando o brasileiro asegura que teñen toda a confianza do mundo no traballo do profesor Claudio está confirmando que a fe no novo adestrador é máxima.

Giráldez ten arestora a bendición de todos. Da afección, da cúpula directiva e tamén da plantilla e ese semella o primeiro paso para sumar os puntos necesarios para quedar outro ano en Primeira División. Os xogadores están de acordo coa súa idea. Prefiren tocar o balón a correr detrás del, queren ser un equipo valente en vez de esperar o indulto do rival, pero esa aposta necesita o respaldo dos resultados.

Un mes e medio despois da súa chegada, aínda que só leve enriba tres partidos por mor dos paróns, o efecto Giráldez xa é historia. Esa efervescencia que significa a remuda dun técnico debe dar paso á naturalidade máis absoluta. É normal que un club de canteira aposte por un técnico da casa, é normal que o balón sexa o protagonista no xogo dun equipo como o Celta, e por desgraza, tamén é normal que o equipo ande metido en leas clasificatorios chegado este momento da tempada. Por iso se aposta por Claudio, primeiro para facer os deberes da salvación e logo, para sentar as bases dun futuro mellor para que o método no novo profesor perviva no tempo, aínda que sexa no fugaz mundo do fútbol.