Viñas de dúas filas de cepas e «paisaxes da auga»

Xosé Manuel Moure Vázquez

LEMOS

El sector vitícola vive un momento de incertidumbre en la Ribeira Sacra
El sector vitícola vive un momento de incertidumbre en la Ribeira Sacra CARLOS CORTÉS

03 abr 2024 . Actualizado a las 18:00 h.

Da moción que presentou Esperta Monforte no último pleno dese concello sobre a delicada situación que a atravesa o sector do viño da Ribeira Sacra, o primeiro que me chama atención, por absurda e preocupante, é a peregrina idea de solicitar a catalogación das viñas en bancais con muras dun máximo de dúas filas de cepas. É absurda porque os bancais, como é sabido, levan feitos moitos centos de anos, uns cunha fila e outros con cinco ou seis, dependendo da orografía. Pero non por iso deixan de ser todos bancais. Primar os de menos anchura supón ou un descoñecemento da ribeira ou algo tendencioso e sinal de que na denominación aínda poden persistir localismos trasnoitados e fóra da realidade. Posturas insolidarias e excluíntes, e por tanto sumamente nocivas para o conxunto da Ribeira Sacra, sobre as que o consello regulador debería dicir algo para que non haxa malos entendidos nin suspicacias. Posiblemente sexa necesario revisar o modelo de territorialidade da DO Ribeira Sacra, pero non por ese camiño.

En canto aos incentivos económicos para os viñedos en pendente, aparecerían máis facilmente se fósemos patrimonio da humanidade. Se en algo estamos de acordo é que sen viñas —xente e paisaxe— non hai tal declaración. Tamén é evidente que hai viñedos de centos de anos que non están en socalcos, pero que forman parte integrante da paisaxe cultural e non se poden marxinar agora. Outra cousa é que se autoricen novos viñedos fora dos actuais límites da denominación, estean ou non en socalcos, o que me parecería un grave erro.

Chámame aínda máis a atención que a candidatura a Patrimonio da Humanidade aparque a singularidade do viñedo, centrándose en cambio na paisaxe da auga. De ser certo, esta nova redacción que está a facer a candidatura vai estar aínda máis afastada da realidade do que xa estivo a primeira que rexeitou o Icomos. En vez de avanzar, retrocedemos.

É evidente que o carácter sacro das nosas ribeiras non está nos encoros franquistas que alteraron o ecosistema e a paisaxe. Socalcos e construcións tradicionais propias da cultura da ribeira foron destruídos para sempre por eses «paisaxes da auga». O carácter sacro vén dado polas igrexas e os mosteiros que se asentaron a carón dos viñedos e que creceron con eles. Vides símbolo da Terra Prometida das que se extrae o viño, metáfora da sangue de Cristo que preside o ritual da santa misa. Viño que hoxe en día é a argamasa que sustenta a Ribeira Sacra como paradigma de identidade social e cultural e sostibilidade económica.

De aí que me sorprenda tamén, por outra banda, a abstención do PSOE no debate desa proposta no pleno argumentando que xa organizan a feira do viño de Monforte ou que as medidas que se reclamaban para o sector son competencia exclusiva da Xunta de Galicia. Iso paréceme, cando menos, insolidario e dunha pobreza de visión do problema preocupante, por vir dun Concello presidido por un alcalde que é, ao mesmo tempo, presidente da Deputación de Lugo.

Non é só a Xunta quen ten que tirar do carro da candidatura a ben mundial. Tamén é fundamental a implicación de organismos como a Deputación, concellos, asociacións, sindicatos, empresarios, partidos políticos e todos e cada un dos veciños da Ribeira Sacra, porque niso vainos a todos boa parte do futuro.

Volvo recordar, por último, que para ter sempre colleitas regulares, calidades medias superiores na uva e evitar crises de sobreprodución como a que se deu na última vendima, é necesario adoptar a medida de que a produción das parcelas que excedan os actuais rendementos quede eliminada na súa totalidade. A ver se así se lle ven, por fin, as orellas ao lobo.