Ángel Manuel Rodríguez: «O entroido gústame como tema artístico, porque o ten todo»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Ángel Manuel Rodríguez xunto á escultura «Volante de Chantada», unha das pezas que expón na Casa de Cultura chantadina
Ángel Manuel Rodríguez xunto á escultura «Volante de Chantada», unha das pezas que expón na Casa de Cultura chantadina CEDIDA

O artista expón en Chantada obras inspiradas nos carnavais tradicionais galegos

20 mar 2024 . Actualizado a las 13:46 h.

A Casa de Cultura de Chantada acolle ata o día 30 unha exposición de esculturas do artista Ángel Manuel Rodríguez Romero, coñecido como Piquico (Ourense, 1965) que están inspiradas en diversos carnavais tradicionais galegos, entre eles o entroido ribeirao chantadino. A mostra preséntase baixo o título «Entroido, mobiliario vestido». O carnaval rural de Chantada está representado por unha peza —en realidade unha lámpada de pé— inspirada nos característicos personaxes dos volantes. Licenciado en Belas Artes, Rodríguez traballa como profesor de artes plásticas nun instituto de Vigo, onde reside.

—Por que lle deu ese título á exposición?

—Porque estas obras son esculturas, pero ao mesmo tempo son pezas de mobiliario, como lámpadas, escritorios, botelleiros, cadeiras, espellos ou estantes. Son esculturas funcionais. Falo de «mobiliario vestido» e non disfrazado porque se considera que os personaxes do entroido non se disfrazan, senón que se arroupan, e a exposición pretende mostrar a continuidade entre o corpo, a roupa e o moble. As miñas esculturas son como personaxes «vestidos» de mobiliario, ou ao revés, pezas de mobiliario «vestidas» de personaxes de entroido. Trato de representar unha conxugación entre o carácter atávico da festa e a modernidade. Ademais das esculturas, nesta exposición tamén hai un cadro e seis debuxos, e un cartel que fixen para divulgar todos os carnavais tradicionais galegos.

—Por que lle atrae tanto a temática do entroido?

—A min gústame o entroido porque o ten todo. Ten o espírito da festa, as cores, o movemento, a expresividade... Para min é unha fonte de inspiración moi importante. Por orixe familiar son de Viana do Bolo, que ten un carnaval moi coñecido, e as primeiras obras deste tipo que fixen estaban inspiradas nos personaxes deste entroido. As cores son un aspecto que traballo moito nas esculturas, que intentan reflectir o colorido destes personaxes.

—Hai moito tempo que estuda este patrimonio?

—Levo tratando este tema desde hai arredor de 35 anos, non só en esculturas, senón tamén en pinturas e fotografías, e en carteis que fixen para o entroido de Viana do Bolo. Agora estou traballando máis con esculturas. Comecei con este proxecto no 2019, ou talvez un pouco antes, e penso seguir aumentando esta colección con outras figuras inspiradas en diferentes carnavais. A exposición está movéndose por lugares onde se conservan estas festas. Despois de Chantada, espero levala a Portugal e ao País Vasco.

—Só se interesa polos carnavais rurais galegos?

—Teño localizados cerca de cincuenta, desde os máis famosos ata algúns que son moito menos coñecidos, pero estou investigando tamén os carnavais que se celebran noutros lugares, como Asturias, León, Zamora ou o País Vasco. No fondo todas estas festas teñen moitas similitudes entre elas, aínda que hai moitas variacións nos personaxes tradicionais e nos seus traxes. Interésanme tamén os carnavais que se conservan no norte de Portugal. Por certo, en Galicia só hai un museo dedicado ao entroido tradicional, o de Xinzo de Limia, mentres que en Portugal teñen tres museos sobre estas festas. Esta exposición é como unha homenaxe a un mundo moi singular no que está metida moita xente, que son todos os que traballan para conservar e organizar estes festexos.

—Que materiais utiliza para as súas esculturas?

—Sobre todo madeiras de varios tipos. A escultura do volante do entroido de Chantada, por exemplo, está feita de madeira de castiñeiro, piñeiro, nogueira e cerdeira. Pero utilizo tamén moitos outros materiais, como lousa, mármore, granito, ferro, papel de parede, algúns obxectos que vou encontrando... Realizar unha destas pezas é moi laborioso, porque ademais da interpretación artística dos personaxes reais do entroido hai que buscar a funcionalidade, como pezas de mobiliario que son. E ademais teñen que ser desmontables. Levar esta exposición dun lugar para outro tamén é complicado, porque hai que desmontar e volver a montar peza por peza todas estas obras.