A palabra e o mundo  

María L. Sández

LUGO

Celso Emilio Ferreiro definiu o franquismo como longa noite de pedra.
Celso Emilio Ferreiro definiu o franquismo como longa noite de pedra. M.MORALEJO

19 mar 2024 . Actualizado a las 18:37 h.

O vindeiro 21 de marzo celebramos o día da poesía e este ano a Real Academia Galega decidiu aproveitar esta data para poñer en valor a nosa poesía máis social e comprometida. En diálogo coa figura de Celso Emilio Ferreiro e logo dunha louvanza deste autor da man de Xesús Alonso Montero, nove poetas, de distintas xeracións e sensibilidades artísticas, puxeron voz a un poema do autor de Celanova e recitaron, tamén, outro propio. Tratábase de trazar un nexo, unha continuidade, e de reflexionar sobre a poesía social e o seu sentido.

Nun intre convulso da historia coma este (coma o son, en definitiva, todos) cómpre preguntármonos pola función da poesía. Fronte aos desafíos éticos e bioéticos do futuro, inmersos como estamos en conflitos bélicos e tensións políticas, é preciso volvermos sobre o papel dos poetas (dos artistas) en tempos de miseria. Porque quizais, como entendía Anna Barbauld, as baladas constrúen o mundo, ou como mínimo arrólannos para facelo tolerable.

Celso Emilio Ferreiro alcumou a etapa do franquismo como a nosa «longa noite de pedra». Naqueles tristes tempos, a poesía non puido deter a guerra, nin a ditadura, e sucumbiron moitos poetas, como MIguel Hernández ou García Lorca, que chegou a escribir en galego. Mais a dor e o esgazamento e a memoria dos mortos ficaron escritas con verbas perdurables. Por algo sobre as lápidas poñemos epitafios que son coma versos. O mundo, sen palabras, sería un inmenso ermo sen historia.

Que ás veces a palabra se crea poderosa, capaz de mudalo todo, é un acto de fermosa ousadía. Dickens conseguiu que no parlamento inglés se prohibise o traballo infantil (por debaixo de 12 anos, mais foi un avance para a época) e Celso Emilio inventou sintagmas que transcenden a poesía, que impregnaron a nosa linguaxe e a nosa visión, que nos fixeron amar «a lingua proletaria» do noso pobo, «a lingua dos avós que temos mortos». Son verbas que terman do mundo.