A pegada indeleble

María L. Sández

LUGO

16 abr 2024 . Actualizado a las 18:39 h.

Este venres, 19 de abril, o instituto Lucus Augusti acollerá unha homenaxe ao profesor Xesús Alonso Montero. Cando eu cursei o bacharelato, a finais dos anos 80 e comezos dos 90, Don Xesús xa non formaba parte do cadro de profesorado do centro; mais a súa pegada seguía indeleble. O profesor de latín, Amable Veiga, director do instituto durante un tempo e responsable de escoller para el o nome de evocación latina de Lucus Augusti, falaba moito del e da súa amizade.

Anos máis tarde, xa rematada a licenciatura de filoloxía, tiven a sorte de ser, agora si, alumna de Alonso Montero. Lembro que escollín un curso de doutoramento que versaba sobre as traducións de Horacio en Galicia no que só estabamos dúas alumnas. Malia o aparentemente específico do tema, aprendín moitas cousas sobre tradución, sobre os rexistros lingüísticos, sobre a cultura galega na posguerra, sobre o significado do xesto de Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega ao traducir a Heidegger á nosa lingua, tradución que competiu coa que Aquilino Iglesia Alvariño fixera de Horacio. Un pouco antes, cando eu viña de rematar o instituto, puiden oílo en Lugo, nun curso de verán organizado por Claudio Rodríguez Fer, falando con paixón sobre Ramón Piñeiro, cun cariño e unha fonda admiración que xamais esquecerei. É o mesmo agarimo co que fala da súa etapa no Lucus Augusti. Toda unha enxurrada de amor que vencella a Alonso Montero coa cidade de Lugo.

Hai media década, nunha homenaxe que se lle fixo en Rennes, tiven ocasión de escoitalo. Pedía, soamente, uns cinco aniños máis para escribir unhas cousas que lle faltaban por escribir. Transcorreu ese lustro prolífico e agora cómpre desexarmos outro para que poidamos comemorar os cen anos do seu brillante maxisterio. Brindo por outros cinco anos máis, cos seus 1826 días ateigados de erudición e literatura.