«Brexit» e pesca: manter o «statu quo»

Rosa Quintana
Rosa Quintana TRIBUNA

OPINIÓN

PEPA LOSADA

24 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Equivócanse tanto Europa coma o Goberno de España se cren que poden dobrar a orella e entregarse nas negociacións desta especie de entroido no que xa se ten convertido todo o proceso do brexit. Semella que levemos ás voltas con isto toda a vida e que queda lonxe aquela surrealista noite de San Xoán de hai xa máis de catro anos na que espertamos, incrédulos, coa nova de que un dos países de maior peso na Unión Europea decidía pola mínima abrazar e materializar o euroescepticismo.

 

Pasamos por todas as fases habidas e por haber, mesmo a da esperanza en que un hipotético novo referendo permitise o que a todas luces interpretamos sempre que era un erro sen paliativos. Galicia, non obstante, pronto lle veu as orellas ao lobo e, parapetados no principio de precaución, puxemos a maquinaria a andar veloces. Tardamos exactamente un día lectivo en pedir ao Instituto Salvador de Madariaga que avaliase o impacto que tería sobre a pesca galega que se levase a efecto o que sempre cremos que era un disparate.

Fomos os primeiros en facelo e, a medida que avanzaba o tempo, sumamos informes e demos forma a un grupo de traballo interdepartamental sobre este proceso inédito e sobre os efectos que tería na economía e na sociedade galegas. Marcamos así o camiño a outras rexións pesqueiras que se foron adherindo á posición de Galicia coma se dunha peregrinaxe se tratara na que o contacto, diálogo e asesoramento co sector foi permanente, constante e fluído, por se se materializaba o que xa comunmente se deu en chamar «brexit duro» se finalmente non se consegue o acordo que estes días se negocia practicamente a contrarreloxo.

Corremos o risco de facer bo aquel dito que reza que o home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra se demostramos que temos memoria de peixe e deixamos que se repita o erro histórico no que España entregou a pesca como moeda de cambio no ano 86 para entrar na Unión Europea. Unha negociación nefasta da que aínda a día de hoxe arrastramos en cada reparto de cotas dos consellos de ministros de pesca de decembro uns resultados nos que a falla de peso político do noso Estado ou unha mala defensa dos argumentos que lle aportamos desde Galicia evidencian, como aconteceu hai tan só unha semana, que España non se move precisamente coma peixe na súa auga.

Galicia e mailo seu Goberno apoian as reivindicacións da frota desde o primeiro momento, o noso posicionamento e reivindicacións son numerosos e notorios. Son coñecidos polo sector e feitos públicos polo propio presidente da Xunta que, ben en modo de misiva, documento ou declaración, ten rubricado publicamente e elevado ás máis altas instancias en múltiples ocasións.

Nesa senda, temos sinalado por distintas vías o camiño ao Goberno do Estado indicando o rumbo da defensa do que consideramos que son as liñas vermellas que non deben ser atravesadas nin ninguneadas. Precisamos dun acordo que manteña o statu quo, con libre acceso da frota europea a augas británicas a cambio da entrada dos produtos pesqueiros de Reino Unido no mercado comunitario sen ningún arancel, e para logralo é imperativo que España arrime a ascua á nosa sardiña.

Di Shakespeare nunha das súas citas máis célebres: «Mestre, quixera saber como viven os peixes no mar. Coma na terra -responde- os grandes comen aos pequenos». Negociemos e que non suceda.