O galego non é un acento

OPINIÓN

XOÁN A. SOLER

27 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 24 de febreiro era o día adecuado para todos os medios de comunicación, televisións incluídas, lembraren, coa dignidade debida, unha grande da Galiza e da literatura universal, Rosalía de Castro, no aniversario do seu nacemento. A condutora dun programa matinal deu probas, unha vez máis, da súa condición lercha e do seu rancio españolismo cando sacou a pasear o tan «simpático» pormenor de unha detida por estafa que tentaba imitar o acento galego, o que provocou a reacción indignada dunha colaboradora ou asalariada do programa, galega. A cousa é tan nova como andar a pé. Vén ser a penúltima excrecencia da xenofobia proxectada contra a Galiza. A mesma que de forma maxistral denuncia Rosalía de Castro no prólogo aos Cantares... que o mércores deberían ler, para civilizárense algo.

O sotaque ou acento galego (isto é, a curva melódica do idioma, a súa fonética, a súa prosodia ou a súa fraseoloxía) non ten nada de doado, como non ten nada de fácil o de nengunha lingua. O que resulta fácil é imitar a caricatura que del se fai. Isto non define o galego, como obxecto de burla, senón a quen o practica, isto é, o burlador. É unha modalidade de racismo, só que presentada como natural, aplicada a outros moitos (falso!) e para nada ofensiva. A refutación desta especie é clamorosa cando os que así pensan non admiten que se toque un só pelo da roupa da súa pedestálica españolía, por outra parte máis que garantida na letra da lei e que debemos acatar sen desvío humorístico algún. Aí si que non caben brincadeiras, nen burlas nen humoradas! Demo fó!

Cal é o problema? Que existe unha liña de continuidade desde o xanbolismo cinematográfico de hai décadas -por súa volta continuación de millenta manifestos anti-galegos procedentes do universo político e do universo intelectual español desde o Siglo de Oro- até os tempos actuais, en que a repetida «diversidade» e o ponderado «plurilingüismo» son cascas baleiras. Por certo, tanta caracterización negativa só se cultiva con quen é diferente de seu (can non morde can), sexa indio, negro... ou galego, isto é, nación. «Gallego en el sentido peyorativo de la palabra»: como é que semellante disfemismo non causou o corte inmediato da entrevista? Ora ben, acaso isto provoca a contundente advertencia-boicote do Goberno galego? Non se dá por aludido? Ou mantén o medo reverencial a unha todopoderosa cadea televisiva estatal, á espera de ser personaxe nela? Isto é un pulso, señores. Canto máis te deixes asoballar, máis o farán e con máis naturalidade.