Reactivar Galicia desde os concellos progresistas

OPINIÓN

Óscar Vázquez

26 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe cúmprense dous anos dende as últimas eleccións municipais. Entón a cidadanía galega optou amplamente por gobernos progresistas, ata o punto de que o 55 % da poboación de Galicia ten un alcalde ou alcaldesa socialista. Obtivemos aquel 26 de maio os mellores resultados da historia do PSdeG nuns comicios locais, con 111 rexedores, incluídos os de cinco das sete cidades, e a presidencia de tres das catro deputacións provinciais, ademais do cogoberno en moitos outros concellos. O éxito socialista deixou fóra de xogo no ámbito municipal a un PP que non goberna en ningunha das cidades e que acadou nese 2019 uns resultados mínimos para a dereita: só o 21 % dos galegos vive cunha alcaldía do PP.

Naqueles tempos anteriores á pandemia, ninguén de nós contaba con que aos poucos meses chegaría esta crise. Pero pasou. E dende a chegada da covid, alcaldes e concelleiros de distintas cores políticas deron o mellor de si mesmos para facer fronte aos momentos máis duros. Amosaron a súa proximidade, a súa empatía, a súa vocación de servizo público.

Certo é que mentres os gobernos locais socialistas centráronse nas principais necesidades das persoas, a Xunta optou por un modelo de xestión marcado pola propaganda e a confrontación co Estado, desprezando ao municipalismo. De feito, ata hai poucos meses nin tan sequera proporcionaba a cada concello o número de contaxiados por covid; e este ano, a pesares de que o Goberno do Estado remítelle máis de 1.100 millóns de euros extra, opta por recortar fondos aos municipios, aos que lles traslada ademais os custes de políticas que son da súa competencia. Así, a Xunta deixa sen pagar a metade dos custes do servizo de axuda no fogar, e son os concellos os que saen ao rescate da poboación dependente e con máis dificultades.

Cando estamos no ecuador do mandato municipal, sabemos que os alcaldes e as alcaldesas socialistas son unha garantía para os seus concellos e para o progreso de Galicia. Son quen de conformar un proxecto para a súa veciñanza á vez que afrontan a crise dende a igualdade, o benestar e a xustiza social, tratando de que ninguén quede atrás. Por iso, xunto á maioría absolutísima de Vigo, estamos en condicións de consolidar as alcaldías das cidades da Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol, e de tantos outros concellos. E o que cabe concluír tamén da enquisa de Sondaxe é que o PP segue afundido na Galicia urbana, a máis dinámica, emprendedora e vangardista.

Tampouco é de estrañar. Porque a única operación urbana do PP neste mandato foi colocar o caos de Jácome na cidade de Ourense e manter o caciquismo de Baltar na Deputación, un comportamento que o desacredita en toda Galicia. Aínda o Consello de Contas acaba de reprobar a rendición de contas da Deputación de Ourense, onde o 80 % das subvencións e contratos fanse sen publicidade nin concorrencia competitiva. E ese non é o modelo municipalista para a Galicia que queremos.

Se os concellos foron a primeira liña de loita contra a pandemia, mentres a Xunta practicaba o escapismo das súas responsabilidades, os concellos deben ser tamén a punta de lanza para a reactivación. Por iso instamos a un gran acordo pola reactivación de Galicia entre axentes políticos, sociais e municipais. Porque as dificultades son moitas, e a cogobernanza necesaria. Como dicía Tierno Galván, as cidades, os concellos, son os nosos fogares públicos. E nos tempos máis difíciles, queremos progreso e benestar nos nosos fogares.