Tiraboleiros

María Pilar García Negro PROFESORA DA UDC E ESCRITORA

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

13 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É fascinante a arte e o oficio dos tiraboleiros (a cencia, diríase tamén no galego tradicional): a perfecta conxunción de esforzos na erección do botafumeiro, a sincronización exacta, até conseguiren que o máximo voo do mesmo nos deixe abraiados e case presa da vertixe. Aínda lembro a admiración que causou nos nosos convidados ao primeiro Simpósio Internacional de Línguas Europeas e Lexislacións (pioneiro en Europa) que, co patrocinio da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, o Ciemen, o Bureau Européen pour les langues moins répandues e a Comisión das Comunidades Europeas, organizamos en Compostela en outubro de 1992. Postas á fala co cóengo responsábel, conseguimos que todos os asistentes ao simposio puidesen contemplar tan rechamante espectáculo, non sen antes, claro está, informalos da significación histórica da catedral compostelá e, nomeadamente, do Pórtico da Gloria. No acto de apertura do simposio, por certo, fíxonos rir a todos (el, o primeiro) o finado Dositeo Rodríguez -daquela, conselleiro de Presidencia da Xunta- cando, en lugar de inauguralo oficialmente, deuno por clausurado. Durante tres días consecutivos, desenvolveuse un amplo painel de palestras e de mesas redondas, con cabal exposición da situación iuslingüística de diferentes países europeos, desde Finlandia a Irlanda, do Val de Aosta a Bélxica, con atención lóxica á Galiza, Euskadi e Catalunya. As actuacións de Milladoiro e de Xacarandaina puxeron o ramo artístico espléndido ás sesións de traballo. Como é natural en todo simposio ou congreso que se prece, reinou a pluralidade de visións e de xuízos sobre o tema que nos congregaba, non só pola variedade e calidade dos relatores senón pola mesma natureza do tema: o presente e o futuro das nosas linguas respectivas á vista da correspondente fortuna legal e política.

Vén isto a conto dun feito sorprendente dos nosos días. A celebración do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán suscita nalgúns dos seus comentaristas un afán de unanimidade crítica que de certo resulta incomprensíbel, en tratándose de análise, glosa e interpretación literaria. Un primeiro paradoxo salta á vista: se se pondera o seu (dela) carácter rompedor, libre, como interveniente pública, polemista..., como é que esta virtude se nega aos seus descendentes de hoxe? Como é que se confunde valorar e criticar con ofender? Quérese converter o estudo e a historia da literatura nunha seita e os seus practicantes en adeptos? A plural concorrencia científica, a liberdade valorativa e interpretativa, deberían non só formar parte da efeméride senón seren agradecidas en nome da mesma entraña da arte: a súa ambigüidade, a pluralidade de visións que provoca.

En suma, a crítica literaria non é o botafumeiro nin os seus artífices son (somos) tiraboleiros.