Europa e as orixinalidades agonizantes

Pedro Puy
Pedro Puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

24 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando nas facultades de Dereito se estudaba a historia das ideas políticas, nunca fallaba a explicación do concepto de soberanía de Bodino, o filósofo francés que xa a finais do século XVI teorizara sobre o «poder absoluto e perpetuo da República» (é dicir, do Estado). Con independencia de que ese poder residise no «soberano» (Hobbes), no «pobo» (Rousseau), na «nación» (o abade Sieyès), ou en quen decrete o estado de excepción (Schmitt), o caso é que, máis ou menos, a soberanía reflectía a capacidade de exercer uns poderes específicos en réxime de monopolio nun territorio e a poboación nel asentada. Ditos poderes eran, resumidamente, o poder de lexislar e ditar normas; o de esixir o cumprimento desas normas mesmo co uso da violencia, tamén exercida en réxime de monopolio; o de emitir moeda ou autorizar a súa emisión e uso como medio de pago válido; un poder, o monetario, que ía acompañado do poder fiscal para esixir o pago de tributos; e o poder de ser o responsable das relacións coas demais repúblicas ou poderes exteriores (asinando tratados ou declarando guerras).

Resumida así a proxección competencial do poder soberano resulta fácil deducir que, na Europa democrática dos nosos días, os vellos estados, sexan monarquías parlamentarias ou repúblicas democráticas, teñen renunciado practicamente a todos os poderes que, tradicionalmente, simbolizaban o exercicio da soberanía. O 65 % das 43 normas con rango legal aprobadas polas Cortes españolas no 2020 derivan directamente de directivas, recomendacións e demais instrumentos emanados das institucións comunitarias. Os tribunais nacionais aplican directamente a normativa europea, e os tribunais europeos esixen o cumprimento das normas comunitarias, cunha Comisión con amplos poderes coercitivos (véxase Hungría, ou Polonia). A cesión do poder de emisión do euro, o control das fronteiras e o cobro dos tributos nas alfándegas, a política comercial co exterior, ou mesmo a harmonización dos impostos sobre as vendas, resumen ben quen cedeu e quen detenta a soberanía: non son, desde logo, os chamados estados-nación que protagonizaron a historia continental do século pasado. Queda o poder militar… Pero a ese nivel nin a UE abonda, e ata a tradicionalmente neutral Suecia pide entrar a toda presa na OTAN. A brutal invasión rusa de Ucraína, á marxe do dereito internacional, fixo ver a todos a necesidade de reforzar á UE no ámbito político e económico; e á OTAN no da defensa militar. É o signo dos tempos: soberanías partilladas. Non digamos xa en estados que, coma o español, tamén ten partillado boa parte dos seus soberanos poderes (o fiscal incluído) coas autonomías.

Nun dos seus escolios ou aforismos, Gómez Dávila sinalaba que «a aparición do nacionalismo en calquera nación indica que a súa orixinalidade agoniza». Démolo por bo. Non explicaría mal o auxe dos nacional-populismos nalgúns países, como no Reino Unido do brexit, ou na Cataluña da desconexión. Sensu contrario, o pouco éxito doutros soberanismos nacionalistas que nos son máis inmediatos. De estar Gómez Dávila no certo, a nosa orixinalidade galaica seguiría vizosa tras 40 anos de autonomía constitucional, esa forma de compartir soberanía coas demais comunidades autónomas e cun Estado que a súa vez partilla a súa co resto das nacións que integran a UE. Feliz día de Galicia.