Moita conxuntura, pouca estrutura

Pedro Puy
Pedro Puy PORTAVOZ DEL PPDEG EN EL PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

Álvaro Ballesteros | EUROPAPRESS

20 nov 2022 . Actualizado a las 09:56 h.

Parece ser que non hai dúas folerpas de neve iguais, porque o crecemento dun cristal ata formar unha faísca concreta depende de tantos e tan variables factores (temperatura, presión...) que a probabilidade de que coincidan á vez é practicamente inexistente. Así e todo, todos sabemos cando neva, e sen chegar á complexidade dialectal dos inuit, podemos diferenciar a neve en po, da auga neve ou da neve xeada. Do mesmo xeito podemos afirmar que no mundo non hai dúas estruturas políticas federais iguais, porque xorden e evolucionan segundo diferentes factores históricos, institucionais ou culturais, que estruturan de xeito diferente as relacións entre a federación e as distintas partes que a forman. Pero, da mesma maneira que sabemos cando neva, tamén podemos distinguir cando un sistema político é de tipo federal; e diferenciar tendencias comúns nalgunhas desas estruturas federais que provocan políticas públicas con resultados semellantes.

 Hai xa un par de décadas que un experto canadense, Jean-Luc Migué, sinalou ao respecto dos países federais nos que a atribución de competencias non está perfectamente delimitada entre os niveis central e subcentral do goberno, que se produce unha tendencia a rivalizar a través de políticas de gasto no ámbito político concorrente, que teñen como finalidade última a súa rentabilización electoral. Como consecuencia, as posibles ganancias en eficiencia da descentralización (ou mesmo, no seu caso, polas economías de escada dunha centralización), pérdense polas ineficiencias que provocan actuacións, burocracias e gastos concorrentes e duplicados nun mesmo territorio e dirixidos a unha mesma finalidade: gañar o apoio electoral.

O lector, sexa un promotor eólico, un empresario establecido na costa, un estudante bolseiro, ou un beneficiario das axudas sociais, pode atopar, e probablemente sofre, situacións que ilustran o que estamos a falar. Pero mesmo aló dos exemplos que se poderían poñer, a rivalidade polo favor do electorado entre gobernos democráticos que comparten competencias materiais nun mesmo territorio subxace e condiciona a resposta dada a todas as grandes crises das dúas últimas décadas: desde un Prestige que a Administración xeral do Estado afronta pola súa conta, e que non é capaz de atallar axeitadamente ata que comeza a coordinarse coa Administración autonómica; pasando pola centralización (logo revertida) de compra de material médico no peor da pandemia; ata a preocupante lentitude na execución dos fondos Next Generation da UE, moi probablemente o maior fallo en moitos anos que como país estamos a punto de cometer. Nas grandes crises é cando máis se bota de menos a ausencia de cultura e estruturas institucionais cooperativas que fagan realidade que as comunidades autónomas son Estado e que as competencias materiais son compartidas.

Resulta frustrante, vinte anos despois do desastre do Prestige, da crise financeira, e dunha pandemia sanitaria, constatar o pouco que aprendemos de todos estes episodios, polo menos desde o punto de vista das reformas estruturais que reforcen o Estado das autonomías. Sucédense as análises curtopracistas ou revisionistas, centradas na xestión conxuntural dalgunhas persoas, e esquecemos os condicionantes estruturais que determinan a resposta dada en todas as crises. Vivimos na exaltación da conxuntura. Á espera da vindeira gran nevarada, que moi posiblemente, mentres non abordemos as deficiencias estruturais do noso sistema, nos volverá bloquear.