Ovos de polo

pedro puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

Juan de Dios Ortiz | EUROPAPRESS

23 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Na carta que Ihering remite desde a súa Xurisprudencia en broma e en serio (1884) a un romanista, o gran filósofo do Dereito satiriza o prolixo modo de produción dos estudosos do Dereito Romano da súa época, excesivos na procura de normas xurídicas. A prologuista da tradución do 2015, a profesora Rosa Ripollés, conta que o propio Ihering confesou que estivo a punto de cambiar o título desa Charla dun romanista polo de Ovos de polo xurídicos

A oveira xurídica dos últimos días ven abondosamente cargada. A reforma do Código Penal (lei do «só si é si»); a publicación simultánea no BOE do mesmo día da reforma dun artigo da Lei de infraccións da orde social con textos diferentes remitidos desde dous ministerios do mesmo Goberno; unha lei que regula os dereitos dos transexuais que provocou a petición de cambio de sexo de varios presos coa finalidade de ser trasladados a prisións femininas; unha lei de vivenda que, outra vez máis, establece cargas económicas significativas aos contribuíntes; ou a publicación no BOE, comentada onte por Xosé Luís Barreiro, da derrogación da Constitución e varias outras leis orgánicas, mantida por erro durante 20 minutos na versión en liña do boletín oficial (moito máis tempo do que levou a algún a alugar vivenda en Waterloo). Novas recentes, que se suman a outras que imos asumindo como habituais: os 2,6 decretos lei que o Goberno de Sánchez aproba de media ao mes desde o 2018; os máis de 40 cambios na lexislación fiscal dos últimos catro anos; ou os listados de ducias de leis que, na maioría das comunidade autónomas, Galicia incluída, adoitan reformarse cada ano a través das leis de medidas fiscais e administrativas que acompañan á de orzamentos.

Certamente, cada ovo vén dun polo distinto. Algúns evidencian falla de coordinación nun Goberno que ten catro vicepresidencias, supostamente para coordinar; ou o mal funcionamento da Comisión de Secretarios e Subsecretarios que prepara os acordos que o Consello de Ministros aproba. Reflicten, tamén, eivas na capacidade técnica dos lexislativos, non sempre suficientemente dotados de letrados. Mostran asimesmo como os ritmos da dixitalización facilitan a lexislación exprés sen revisión do publicado. Paradoxalmente, todo isto acontece cando nos temos dotado do maior número de controis na elaboración das leis, con trámites de audiencia pública e transparencia, e informes xurídicos, económicos, de igualdade e de toda caste imaxinable, habitualmente de non obrigado cumprimento.

Dos meus mestres na Facultade de Dereito compostelá aprendín que a lei é un precepto reflexivo, ordenado ao ben común dunha sociedade que procura a xustiza, que é aprobado pola autoridade democrática lexítima. Unha cidadanía que pode, cada tempo, cambiar os polos que causan tales ovos. Pero que debería entender que, máis que diante dunha causa, o deterioro da calidade lexislativa é o síntoma de fallos estruturais dun sistema no que o lexislativo perde peso a mans cheas en relación ao executivo. Do mesmo xeito que o fan as institucións clásicas que garanten a calidade técnica da lexislación (desde o Consello de Estado á Comisión de Codificación, pasando polo reforzo das asesorías xurídicas e os corpos de letrados parlamentarios).

Parafraseando ao gran Ihering, sería bo que fosen as galiñas as que puxesen os ovos, reflexivamente, procurando a xustiza. Porque, ou nos tomamos en serio a calidade lexislativa, ou os lexisladores seguirán (seguiremos) poñendo ovos como polos. E, ás veces, como demostra a última ovada, como polos sen cabeza.