Alevín

Victor Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

escaneo

07 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño diante de min o número 187 da revista Industria Conservera, publicación especializada que dende 1934 edita en Vigo o sector da conserva, na actualidade Anfaco-Cecopesca, e que dende 1943 ata 1984 dirixiu de facto Francisco Fernández del Riego. Juan Manuel Vieites, secretario xeral da asociación dende 1991 a 2022, recoñece que, dende principios da década de 1940 e durante máis dun cuarto de século, don Paco «levou o temón da revista (…) non nominalmente, pero si na práctica». El era todo: o único redactor, tradutor dos traballos que chegaban do estranxeiro, asistencia a colaboradores, responsable da documentación e as ilustracións (incluídas as cubertas de artistas coñecidos: Carlos Maside, Rafael Torres, Federico Ribas…), encargado de relacionarse coas artes gráficas, contratación de anuncios, despacho da correspondencia…

 

 

Neste ano que dedicamos ás Letras Galegas a don Paco, admira a súa capacidade de traballo, a versatilidade coa que afrontaba os xéneros e as actividades máis diversas, a súa enerxía, a súa curiosidade intelectual, o dotado que estaba para establecer pontes e relacións… A súa bibliografía está aí, e a súa extraordinaria actividade institucional e empresarial. Mais hai aspectos menos coñecidos. Un deles: esta dedicación ao xornalismo especializado que inicialmente compartiu co seu amigo Valentín Paz Andrade, pero que andando o tempo desenvolveu de seu.

Folleando os números da revista atopo o pseudónimo «Alevín», que utilizaba só para estes casos, igual que Paz Andrade asinaba os editoriais como «Mareiro». Outros pseudónimos de don Paco son máis coñecidos: Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Soutelo… O Alevín dedicábao ás cuestións pesqueiras e conserveiras na revista da asociación, redactada en castelán, pois tentaba chegar ao público exterior, principalmente ao das Américas. El problema de la industria, Técnica para conservar pescados y fabricación de subproductos, Tipificación de formatos, Inmediatas soluciones para la crisis conservera… son algúns dos traballos asinados por Alevín; nunca menos dun por número, e de varias páxinas, con cadros e documentación contrastada. De onde sacaba o tempo e os coñecementos para dar conta da encomenda?

 

 

 

 

Ramón Otero Pedrayo dicía que don Paco sabía o nome latino de todos os peixes, e que levaba comido, bromeaba, camións de pescadas, linguados, rapantes, bacallaos, sobre todo sardiñas… Dende Anfaco quixeran reivindicar tamén esta faciana de Fernández del Riego, que deita pontes entre a cultura e a actividade empresarial. «La prolongada falta de sardina en los litorales gallegos, la escasez de determinadas materias primas como la hojalata, la frondosidad de gravámenes que envuelven la vida industrial y el consiguiente encarecimiento de los precios del producto elaborado, explican la actual crisis que estamos atravesando», escribía Alevín en xaneiro de 1955.