O dinosaurio de plástico

OPINIÓN

Oscar Vázquez

12 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Queirámolo ou non o pasado segue aí, coma un dinosauro teimudo e paciente, que unha e outra vez esperta e nos persegue para nos lembrar o bo e o malo de nós. Estes días, o asunto dos pélets está a nos traer á memoria a traxedia do Prestige.

Evidentemente, o dano que desta volta se prevé está lonxe daquela desfeita colosal que non só afectou as nosas costas senón que tocou as da Bretaña francesa. Aquela catástrofe deixou claro que agachar os problemas ou a súa dimensión non adoita solucionar nada. E tampouco vale poñer creto nos santos ou, coma neste caso, no curso das mareas para que desaparezan. A realidade é teimuda e o desleixo tamén pode traer as súas consecuencias. É triste que a alarma se instale agora máis no político ca no ecolóxico. E resulta triste ver como se mente a conciencia e se trata de repartir a culpa dun xeito case infantil para atenuar o desastre e unha perspectiva negativa diante das vindeiras eleccións galegas. Coincidiron, pois que lle imos facer. A oposición poderá colaborar, pero está no seu dereito de criticar as cousas que se fan mal ou, simplemente, non se fan. Ao Goberno galego non lle queda outra que se poñer á fronte, coordinar e intentar solucionar un problema para o que xa moita xente, por dignidade e iniciativa propia, se botou ás praias solidariamente co obxectivo de apañar eses plásticos que volven contaminar os nosos areais e o noso ecosistema mariño.

Non ten sentido poñerse a discutir sobre a toxicidade dos microplásticos nin o grao de responsabilidade que a cadaquén lle corresponde. Deixemos isto para máis adiante e actuemos para non repetir os mesmos erros do pasado, porque, malia que nos pese, o dinosauro sempre estará aí.