Do meu lado

Pedro Puy Fraga DEPUTADO DO PP NO CONGRESO

OPINIÓN

M.MORALEJO

16 ene 2024 . Actualizado a las 15:01 h.

O contraste entre o clima político e parlamentario en Galicia e no conxunto do país é rechamante, especialmente para quen tivo o privilexio de poder comparalo en directo ao longo do último ano. Na política galega un entra a votar no Parlamento de Galicia sabendo que se vota, e para que se vota, sexa a favor ou en contra, coa obvia consecuencia de que os axentes sociais e económicos non están suxeitos ao peor dos inimigos do investimento e o desenvolvemento: a incerteza e a imprevisibilidade. No Congreso un entra a votar sen saber quen vai votar que, nin por que; non se sabe que vai votar quen, e pode seguir sen saber por que se votou o que se votou varios días despois. Na política nacional, como consecuencia de actuacións moi expresamente dirixidas a levantar muros, reinan a inestabilidade e a incerteza; na galega e durante a última lexislatura, presidiron a estabilidade e as certezas.

O coñecido psicólogo experimental Steve Pinker dá conta (en Racionalidad) dunha conclusión dos traballos experimentais do equipo do profesor de Yale D.M. Kahan: tras proxectar un vídeo dunha manifestación ás portas dun edificio,  informábase de que era unha protesta contraria ao aborto. Neste caso os espectadores máis conservadores vían unha manifestación pacífica e os máis progresistas unha intimidación violenta e intolerable. Pero, se o que se dicía era que estaban ante unha manifestación contra a discriminación dos homosexuais nos cuarteis, os progresistas consideraban a mesma protesta como pacífica e os máis conservadores unha violenta revolta. Algo así coma na política nacional, onde segundo a quen se escoite non sabemos se en Ferraz as manifestacións son delituosas e violentas ou meras carnavaladas. Os expertos denominan este sesgo cognitivo «o sesgo do meu lado»: os razonamentos e as interpretacións das evidencias acéptanse ou rexéitanse dependendo de se apoian ou refutan as propias conviccións políticas, lonxe da súa ponderación. A adscrición partidaria prevalece e na política nacional mesmo conleva o abandono da racionalidade interna da propia ideoloxía: Pinker pon a inmigración como exemplo da prevaleza da adscrición á tribu sociocultural sobre a ideoloxía, o que explica que se negocie esa competencia con quen non parece compartir criterios sobre acollida e ubicación da inmigración ilegal en España.

Axiña decidiremos aquí se esquivamos as incertezas da política nacional ou mantemos a estabilidade política que, en xeral, está a dar comparativamente mellores resultados sociais e económicos. Sería o máis desexable para Galicia. Aínda que ao dicilo eu soe a sesgo do meu lado, paga a pena ponderalo.