Antea Rodríguez: «'Rastros' é un texto de moita actualidade»

x. m. r.

OURENSE

cedida

A actriz ourensá é a protagonista da montaxe que adapta a obra orixinal de Roberto Vidal Bolaño

22 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Día 22 • 20.00 horas • Teatro Principal • De 10 a 15 euros • Volve ao encontro dos espectadores un texto xa clásico de Vidal Bolaño. En vida do dramaturgo a montaxe, de 1998, fora recoñecida con dous premios María Casares. Agora Lois Blanco, admirador de Bolaño, recupera «Rastros» nunha adaptación protagonizada por Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Pablo Carrero Simón e Mateo Franco. Na Compostela de finais do século XX Esther, a protagonista, é unha muller descaradamente libre e anticipada aos seus tempos que acostuma a dicir o que pensa e a facer o que sente, sen prexuízos. Antea Rodríguez (Ourense, 1991) é Esther. 

—Estrearon na cidade na que se desenvolve a obra e pasaron por varios escenarios. Como está sendo a acollida?

—Moi boa. Que sexa un texto de Vidal Bolaño xa lle dá un tirón importante e mesturas dous tipos de públicos: os dunha idade que coincide coa etapa na que el estaba en activo e ao público novo, que ve como se tratan temas moi vixentes: dos presos políticos á sanidade público ou o empoderamento da muller.

—Que os actores da estrea estean en activo impón?

—E tanto. Xente como Luis Iglesia ou Patricia Vázquez, entre outros, seguen aí e sempre é unha realidade á que te tes que enfrentar. Aínda que a adaptación sexa trasladada á época actual.

—Avanzamos, aínda que non mudaron moito as cousas para Esther no 2022.

—Totalmente de acordo. Estamos máis modernizados e hai máis liberdades, pero as cousas para as mulleres non cambiaron tanto e eu sígoo vendo. Esther é liberal, sen tapuxos, vividora no sentido de que é unha muller libre que fai o que quere, cando lle peta e o que lle peta. E iso, que sería o normal para calquera persoa, segue a ser mal aceptado e socialmente somos os primeiros en criticalo. Estamos moito máis reprimidos que hai vinte anos.

—Como foi enfrentarse a «Rastros»?

—Difícil e complexo. Non é unha obra sinxela, trátase dun texto moi discursivo e faise complexo levalo á linguaxe actoral. Aínda que se realizou unha adaptación con moito cariño, coidado e agarimo. «Rastros» é un texto de moita actualidade que dá xogo para unha obra como esta.

—Faise difícil levar o peso da montaxe?

—É complexo. Esther leva case toda a responsabilidade da obra, que está marcada en moitos momentos polos recordos. Daquela podes pasar de situacións moi emotivas a lembrazas tristes ou dramáticas. Traballas interpretativamente nun arco que vai entre os extremos e tes que ter moi claro onde empeza e remata cada cousa.