Reivindicando o Ribeiro das terras de Avión 

La Voz

AVIÓN

Antonio Doval na USC
Antonio Doval na USC XOAN A. SOLER

O profesor Antonio Doval Adán publica un libro coas referencias históricas sobre o cultivo da vide no municipio

17 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio Doval Adán é autor do libro O cultivo da vide no Ribeiro de Avión. Unha aproximación histórica e xeográfica (Deputación de Ourense). Ao profesor da USC, natural de Beresmo, propuxéronlle dende a asociación cultural Vive Avión recuperar a historia vencellada a agricultura do viño no municipio, e a publicación é todo un alegato e unha reivindicación do papel de Avión —municipio que non se incluíu na DO Ribeiro— como pobo vinícola. «A presenza do viñedo no noso municipio xa se constataba no ano 1700 e no Catastro de Ensenada e nas cartografías de Tomás López xa aparecen catro parroquias con abundante produción de viño: Córcores, San Xusto de Avión, Amiudal e Abelenda», sinala. A presenza foi unha realidade durante moito tempo: «Nos anos 1940-1950 as hectáreas dedicadas a viñedo estaban entre as 120 e 130, oficialmente, aínda que calculo que eran entre 150 e 200», apunta o profesor a USC. El mesmo lembra esa realidade. «Con 8 anos eu recordo todo aquilo. En Beresmo había unha zona, á que chamaban A Viña Grande, que era como unha mini Ribeira Sacra». Daquela realidade daban conta as 52 adegas que se contabilizaban en Mourelle en 1957, as 14 de As Pedreiras ou os lagars antigos que aínda se conservan polas parroquias. A emigración rematou con todo aquilo, aínda que para Antonio Doval aquela realidade debería saír da condición de pasado histórico. «Avión conta cunhas condicións ideais para o viño e con solos de sábrego para dar o mellor das vides. O Concello debería reivindicar a súa inclusión na Denominación de Orixe Ribeiro e apostar por crear plantacións con fórmulas como os polígonos agrarios que se están a promover agora dende a Xunta de Galicia. E seguro que hai xente do pobo disposta a investir nun proxecto nesa liña», asegura o autor do libro. Na portada do mesmo figura o que queda da mítica cepa de treixadura de máis de 200 anos localizada no seu día en Vilar (Barros). Aínda que se tentou protexer, finalmente o dono cortouna.