James Cameron e Ernesto Romero cítanse no Novocine de Leiro

La Voz

LEIRO

Santi M. Amil

O exhibidor, que hipotecou a súa casa en 2009 para poder ter 3D e pasar «Avatar», estrea o 16 a segunda parte da saga

16 dic 2022 . Actualizado a las 18:55 h.

Ernesto Romero e James Cameron deberían estar condeados a atoparse. Para falar de cine, das inquedanzas da súa xeración -son máis ou menos dun tempo- e do moito que significou a primeira das películas da saga «Avatar» para o propietario do Novocine de Leiro. No seu maxín nunca tal cavilara Ernesto Romero o que aconteceu nas primeiras semanas do 2010: o seu pequeno cine a rebentar, con colas pola estrada para mercar as entradas e poder asistir a un dos pases, xente indo de volta para as súas casas por non quedar un oco na sala, o teléfono sufrindo hiperactividade e el gozando dunha realidade que nunca chegara a barallar nin nos soños máis esaxerados, fantasiosos e pracenteiros. E os que non atopaban sitio e facían a viaxe en balde recuncaban, e algúns volvían para ver de novo a película, e en Leiro escoitábanse galegos pouco falados polo Ribeiro, e palabras descoñecidas que por terras ourensás non habitan.

Volve «Avatar» a Leiro. A sala de Ernesto Romero é unha das moitas que estrean «Avatar: El sentido del agua» e nada volverá a ser o mesmo, mais ninguén lle borrará ao dono do Novocine, e aos milleiros de espectadores que por alí pasaron, aquela marabillosa experiencia e o sentimento de formar parte do soño dun cineadicto, quizás o derradeiro romántico do celuloide, que se xogou á ruleta rusa o seu patrimonio -a fin de contas a súa vida- para cumprir o reto de que no seu cine se puidesen ver películas en 3D. Lembra o que pasou e recoñece que houbo un movemento solidario que converteu Leiro no lugar de peregrinación de xente procedente de toda Galicia, persoas que poderían ter visto a película de James Cameron en calquera outro sitio, pero que escolleron pasar pola billeteira do Novocine para formar parte dunha historia que merecía compartirse, espallarse e escribirse de forma colectiva.

E esa historia comezou hai agora trece anos. Foi daquela cando o dono do Novocine de Leiro decidiu algo que, verbalizado por el no seu día, marcou a súa vida: «Non quería morrer sen poder velo no meu cine». O que desexaba ter na súa sala era o sistema 3D, algo que se estaba a implantar en todo o mundo e que, como aconteceu con outros formatos audiovisuais nas diferentes etapas, chegaba cun prezo que o converteu nun primeiro momento en prohibitivo. Non foi doada a cousa, xa que non lle daban os cartos para poder mercalo e tivo que hipotecar a súa casa e o cine -que son a mesma cousa, xa que Ernesto Romero proxectou a vivenda na que habita coa sala escura no baixo e o fogar nos pisos superiores-. O risco foi moito e a situación excepcional: en decembro do 2009 Leiro -un concello que nestes momentos non chega aos 1.500 habitantes- era a única praza de toda a provincia de Ourense que podía proxectar películas en 3D. Nin os Cines Box da Ponte Vella, con oito pantallas, dispuñan do sistema e tardaron máis de medio ano en instalalo.

Xa tiña proxectado algún título cando se anunciaba a chegada de «Avatar» e a nova da súa decisión e o gran risco asumido para ofrecer cine en 3D -que se publicaba o 11 de xaneiro do 2010 en La Voz de Galicia- converteron a Ernesto Romero e ao Novocine de Leiro en obxecto dunha campaña de apoio sen precedentes. Ata houbo quen creou un blog para publicitar os horarios dos pases na sala do Ribeiro e a xente animaba en redes sociais a ir ver «Avatar» a un pequeno cine de só 144 butacas. De toda a provincia de Ourense e doutras partes de Galicia viaxaron persoas a Leiro, ata chegaron a ir un cento de escolares desde Verín para ver a película.

Ernesto, cando instalou o sistema coincidindo ca estrea de Avatar
Ernesto, cando instalou o sistema coincidindo ca estrea de Avatar Santi M. Amil

Case que trece anos despois, a nada de proxectar a segunda parte da saga, o exhibidor lembra os que foron os mellores días do Novocine. «Aquilo que pasou semella que foi un soño, que nunca existiu. Realmente era extraordinario, xente indo e vindo todos os días, chamando para reservar sitio, coa estrada chea de espectadores que desexaban ver ‘Avatar’. Había un sentimento solidario, de apoio do público polo que fixera e de axudar e colaborar para facer realidade aquel soño e aquela aventura na que me metera. E cos medios de comunicación apoiando. Creo que se non fora por todo iso igual as cousas terían sido doutra maneira», apunta. A resposta foi un movemento sen precedentes e o resultado histórico: dous meses e medio coa película en carteleira -o derradeiro pase foi nos primeiros días de marzo do 2010- e máis de 7.000 espectadores. Na última sesión aínda se venderon medio cento de entradas.

A aposta de Ernesto Romero non foi doada e mesmo tivo que vender unha propiedade para facer fronte á hipoteca asinada no seu día nunha entidade do pobo. A sorte tampouco acompañou: a pesares de estar preto dun encoro que anegou parte do seu territorio e dunha central hidroeléctrica nun concello lindeiro, Leiro conta cun moi mellorable servizo eléctrico -os cortes de suministro no inverno sucédense e hai ocasións nas que falta a luz varios días- e o proxector do Novocine rematou queimándose por mor dos cortes de suministro e as subidas e baixadas de tensión. Iso por non falar dos días que ten que suspender as proxeccións por non haber luz na zona do concello onde se atopa o cine. Total, que saía máis caro o arranxo do equipo -había que mandalo a reparar a Holanda e pagar o traslado e o seguro- e o propietario do Novocine decidiu mercar un novo equipo.

Ernesto Romero ten claro que nada volverá ser igual, e que a segunda parte non xerará a mesma expectación que cando se estreou «Avatar» en 3D, mais non lle daba chegado o día no que lle tiñan que dar as claves para poder proxectar:«Cando pasei a primeira entrega o sistema era de 24 imaxes por segundo e agora é o dobre, co cal con 48 imaxes por segundo vai dar unha calidade moito mellor».

Camiño dos 71 anos, que cumprirá en abril, e dos 40 do seu proxecto vital -o Novocine de Leiro abriuse ao público en 1983- o exhibidor de Leiro segue mantendo a esencia que o converteu nunha persoa querida e admirada no sector. Comezou como axudante de proxección no Cine Principal do seu pobo, era o ano 1966, e logo botou dez anos traballando para a cadea Fraga, nos García Barbón de Vigo. Nun solar da familia desenvolveu o seu proxecto vital: crear unha vivenda na que se conxugaban a parte habitacional e a empresarial. Vive enriba do seu cine e a súa gran paixón segue a ser o audiovisual e os clásicos -dos que gozou longamente nos meses de pandemia-. Mantén dende hai xa moitos anos, dez ou doce, o prezo da entrada e o seu desexo é de sobra coñecido: ter acceso o canón de luz polo que se accede ao mundo das historias contadas en imaxes.

Sabe que nunca volverán os días de xaneiro do 2010, mais parafraseando unha das frases da súa admirada cinta de culto -«Casablanca»- compre dicir aquilo de que «Sempre nos quedará ‘Avatar’».