Fillas de Cassandra: «A música tradicional está de moda»

daniel portela otero VIGO / LA VOZ

VIGO

Tony Vacas

Estrean o seu primeiro sinxelo logo de quince concertos e varios festivais no verán

15 sep 2022 . Actualizado a las 01:43 h.

Quince concertos ás costas e aínda ningún sinxelo publicado. O boca a boca, sen música nas plataformas, foi sumando concertos ao dúo emerxente Fillas de Cassandra, formado polas viguesas María Pérez (1996) e Sara Faro (2001). A música tradicional galega mestúrase co pop electrónico para revisitar a mitoloxía clásica desde unha óptica feminista, pensamento que atravesa todas as súas composicións en clave de vivencias. Co lanzamento do primeiro tema o 9 de setembro, Antígona, a banda xa pode presumir de actuar no ciclo de concertos Terraceo (Vigo), no Ikfem (Tui) e no Festivala (Vilagarcía de Arousa). Este sinxelo é o primeiro adianto do álbum, Acrópole, que sairá en febreiro, producido polo artista e produtor Berto, antigo compoñente de Verto.

O dúo feminino é un exemplo máis do pulo á musica tradicional, especialmente entre a mocidade: «Converteuse nunha moda porque a xuventude galega estase a sentir apelada, xa que conecta con algo primitivo da nosa terra». Permítelles traballar con liberdade. Elas parten de coplas, pero non para modernizalas, senón para cantalas á súa maneira. O certo é que os referentes musicais conectan, igual que o seu traballo, o pasado co presente. No tradicional dos temas, están influenciados por Xosé Lois Romero e Aliboria, Leilía, Baiuca e, por suposto, discos como o de Contrapunto de Tanxugueiras, nas harmonías traballan con referentes do barroco e, pola electrónica, teñen na cabeza a Rosalía ou a Bad Gyal. «A música tradicional e a música pop máis antiga que existe», engade Pérez.

Tralos concertos, ás veces, aos asistentes váiselle a cabeza ás Tanxugueiras nos comentarios que reciben. Elas mesmas temen que, por comparalas, se creen expectativas arredor dela. Por iso, rexeitan a idea de ser o seu relevo e tildan este concepto de substitución de misóxino: «Parece que as mulleres, cando entramos en calquera industria temos que vir unhas a substituír ás outras, como se non houbese oco para todas. Somos poucas e queremos ser máis». Defenden que a convivencia é necesaria para impulsar unha renovación feminina da industria musical. «Realmente, o único que temos en común [coas Tanxugueiras] é que somos mulleres, cantamos en galego e tocamos a pandeireta», expresa Sara Faro. Se alguén espera atoparse o mesmo, advirten que non vai pasar.

Fillas de Cassandra formouse de casualidade. O primeiro bolo xurdiu a raíz dunhas xornadas organizadas por Feminismo Unitario, unha plataforma de Vigo que une feminismos. Chamaron a ambas por separado e Pérez propúxolle a Faro: «E se tocamos un tema xuntas?». Tras ese concerto, formalizaron o dúo. O primeiro concerto que deron como Fillas de Cassandra foi por unha serie de actos polo 25N organizados polo Concello de Vigo; aí en confianza plena dunha traballadora da Concellería de Igualdade. Dous meses máis tarde, chamáronas para outro bolo cando aínda non tiñan case ningún tema, así que empezaron a compoñer.

Polo camiño, aparece na historia Berto, o produtor do seu primeiro traballo discográfico. Pérez recibiu unha mensaxe directa para dicirlle que o artista precisaba teclista. Contactou con el e, de forma orgánica, o músico —inmiscuido en tarefas de produción para outros, como Verter ou Maiko Leinad, desde o ano pasado— pasou a encargarse tamén do seu propio proxecto artístico xunto a Faro. «Foi paralelo, pero un non foi o detonante doutro. Por tocar con el, uníronse as cousas», di María Pérez.

Os concertos, sen ningún tema fóra, comezaron a multiplicarse a partir do boca a boca e as conexións inerpersoais: «Dun bolo saen outros bolos». De forma casual, acuden persoas con coñecidos nas organizacións doutros eventos e falan delas. «Non nos coñecen, pero se fían entre eles», apunta Pérez. Pese a ser un grupo emerxente, perciben que o público xa é quen de entra nas súas actuacións: «Como replican a forma de escritura da copla tradicional, son fáciles de cantar, entón chega un punto no que a xente xa entende a dinámica e canta con nós. Séntense partícipes malia que non coñezan as nosas cancións».

Revisión feminista dos mitos

Acrópole, o seu primeiro álbum, tratará de revisar as heroínas da mitoloxía clásica, conectando os relatos antigos coas súas vivencias actuais como mulleres galegas, desde marcos conscientemente feministas. O seu proxecto é unha constante viaxe entre presente e pasado; saber de onde veñen para saber onde ir. Trazánse liñas históricas nas vidas das muelleres e tamén entre a tradición musical e a herdanza das cantareiras —Faro foi cantareira durante moito tempo—. «Se despois de mil anos, as nosas vivencias seguen sendo semellantes, significa que algo está pasando», apunta Sara Faro. Queren fuxir do eslógan para atopar a reivindicación desde a vivencia: «Afastámosnos da canción protesta, ao mesmo tempo que protestamos nos temas, sendo máis líricas. Son como poemas»

O mito foi antes que as cancións. Fixeron unha elección dos mitos e, cando comezaron a lelos, algúns resoaban máis que outros nas súas vidas. Por exemplo, co de Cassandra. «Ela foi condeada a predicir o futuro, pero a nunca ser crida. Ese sentimento de non ser cridas por ninguén, que esteamos en constante cuestionamento», sinala Faro. A de Dafne e Syrinx que escapaban de Apolo e Pan convertírona nunha carta de lesbianas entre elas dúas. «Non ten que ser o mito tal cual, senón que lle damos unha volta e facemos o que queremos», di Pérez. A inspiración do mito pode vir dun lugar máis abstracto: ás veces é narrativo e, ás veces, nas melodías.

A interseccionalide no feminismo —ter en conta as diferentes loitas dentro do movemento— é algo ao que lles gustaría aspirar, pero son conscientes desde a posición na que están. «Falamos desde nós e nós somos mulleres cis, brancas, de clase media-baixa. Mais intentamos que as letras sexan suficientemente xerais, pero concretas coas vivencias das mulleres», expresa Sara Faro. «A xente síntese identificada cunha loita en xeral. Pero eu non podo falar por ninguén. Non quero falar desde outro lugar que non sexa a verdade», engade María Pérez.