Carlos Fernández Bollo, un rapaz de Mugardos nomeado organista titular da catedral de Mondoñedo: «É un honor e unha responsabilidade»

La Voz

MUGARDOS

Este mugardés de 23 anos marchou estudar a Holanda e alí continúa
Este mugardés de 23 anos marchou estudar a Holanda e alí continúa Ramón Loureiro

Asentado en Holanda, vén de recibir o Premio Nacional de Órgano Francisco Salinas, en Burgos

08 nov 2023 . Actualizado a las 13:49 h.

Hai unhas semanas recibiu o Premio Nacional de Órgano Francisco Salinas, en Burgos, e este luns fíxose público o seu nomeamento como organista titular da catedral de Mondoñedo. Carlos Fernández Bollo, mugardés de 23 anos, non oculta a súa alegría, por teléfono desde Holanda. Alí marchou para estudar piano e órgano e alí quedou, na cidade de Groninga, «o lugar do mundo que posúe unha maior concentración de órganos históricos», como lembraba nunha entrevista recente neste periódico.

—En que consiste o traballo do organista titular da catedral de Mondoñedo?

—En Mondoñedo creouse este posto de organista titular, que non existía desde hai décadas, e tamén o de organista litúrxico, que é o que toca na maioría das misas. O titular ten que coordinar a vida musical do órgano, tocar nas celebracións e nos actos importantes da vida cristiá. E tamén manter o instrumento. Coa facilidade actual de viaxar non é problema. Cando vaia irei mirar o órgano, se funciona correctamente, pasarlle unha afinación. Tamén me corresponde asesorar ao cabildo da catedral á hora da transcendencia do órgano, para que siga funcionando en óptimas condicións de uso, e contribuír a darlle maior visibilidade a Mondoñedo.

—En realidade son dous órganos...

—Peros só funciona o que está na caixa do lado da epístola. Foron feitos a principios do século XVIII por Manuel de la Viña, que tamén fixera os da catedral de Santiago e outros como o do convento das clarisas de Santiago. Tiveron unha pequena reforma no século XIX, pola familia Tafall, e a última intervención foi no 1966, por Organería Española S. A., que coincidiu coa supresión da sillería do coro da catedral e dos balcóns que tiñan os órganos, para tocar desde a consola; foi cando se electrificou, a partir de aí pasou a soar só un. Non sufriu grandes restauracións nunca. Está felizmente en funcionamento, aínda que viu días mellores

—Que representa para vostede ser o organista titular?

—Primeiro é un gran honor e unha grande responsabilidade, porque é unha catedral que ten que rexurdir, é das máis belas de Galicia, e un órgano de tres teclados permite abranguer un repertorio moi variado. É un xesto de esperanza. Polo que vin en Burgos (cando o premio), está aparecendo cada vez máis xente nova que quere intentar rexurdir o mundo do órgano. É unha alegría que conten comigo en Mondoñedo, que aposten pola xente nova é un acerto por parte do cabildo. É unha mostra de confianza pola súa parte, e é un impulso e un estímulo para a miña carreira.